O
presente texto é un resumo do artigo publicado por Cristina Varela
Cadahía na revista Cairón, Boletín do Instituto de Estudos
Ulloáns, nº1, marzo de 2017.
Facemos
nosas as verbas que o encabezan: “Só na Ulloa permanecen activos e
útiles os hórreos máis primitivos do sur de Europa, as cabeceiras,
cómpre que as administracións se decaten do seu valor etnográfico
e fagan pola súa protección”.
Cando pensamos nun
hórreo, o primeiro que nos vén á cabeza son as construcións
rectangulares de pedra e madeira, ou só de pedra, que se empregan
para gardar o millo. Son os máis comúns, pero non os únicos.
Resistindo ao paso do tempo e ao esquecemento, á perda de poboación
no rural, á morte do minifundismo e ao uso das agriculturas
extensivas, en Galicia e o norte de Portugal aínda se poden ver
exemplares dos hórreos máis primitivos do sur de Europa: as
cabeceiras.
O obxecto e o seu
nome
Trátase dun hórreo
vexetal, maiormente de planta circular, no que as paredes son feitas
con corres de distintas árbores ou arbustos tecidas empregando
técnicas de cestería, e que se remata cunha cuberta cónica tamén
vexetal. As corres, ou corras, son varas feitas dos brotes dun tronco
ou cepa nai, ben de árbore (castiñeiro, carballo, bídalo,
salgueiro...), ben dun arbusto (xesta, silva, sanguiño...), que para
as cabeceiras se empregan sen pelar.
Os nomes recollidos
pola Real Academia Galega son: cabaceira, cabaceiro, cabazo, cabaz e
canastro. Pero hai outras variantes recollidas por diversos autores:
bergueiro, cabeceira, cabeceiro, cabiceira, calabozo, palleiro,
piorno... Existen estudos da distribución xeográfica dos distintos
nomes así como da súa orixe filolóxica.
Cabeceira é o termo
máis usado na Ulloa, polo que foi o escollido para este artigo.
A orixe das
cabeceiras
Etnógrafos e
historiadores coinciden en que son a forma de celeiro máis antiga
que se conserva. A creación de silos para almacenar alimentos
xeralízase en Galicia no cuarto milenio antes de Cristo, cando tamén
fai a súa aparición a cestería, como complemento necesario para a
creación de recipientes adecuados para a almacenaxe. Pero, ¿que
diferencia a unha cabeceira dunha cesta grande? Pois que está
afastada do chan, elevada sobre este e encaixada nunha base que a
mantén a salvo dos dous peores inimigos de moitos alimentos: a
humidade e os ratos.
Outro dos puntos
claves para explicar a súa orixe prehistórica é a facilidade coa
que podemos atopar o rastro de construcións deste tipo en todas
partes do mundo, sempre nun contexto relacionado con culturas
agrícolas primitivas en medios naturais húmidos.
Julio
Caro Baroja, en Los
pueblos del norte da la península Ibérica
(1973), fai referencia a
que a orixe das cabeceiras non está nos pobos agricultores senón
que xa vén dos pobos recolledores, posto que estes tamén teñen a
necesidade de almacenar alimentos nas épocas de abundancia para
poder consumilos no inverno. Isto
fainos lembrar que antes da existencia do millo en Galicia xa
existían os hórreos e as cabeceiras para gardar e secar os froitos
do
outono: castañas, noces, abelás e landras; e outros cereais e
legumes cultivadas como o millo miudo ou a faba loba.
Partes
ou elementos dunha cabeceira
Begoña
Bas di que en Guntín se lle chama “padías aos travesaños que
rodean o piso”. Entendo con isto que a mesa ou grade tamén recibe
este nome. Ignacio Martínez fala de: estribos
para as varas e estadullos, furas
para denominar os buratos que se fan na mesa para cravalos, postigo
para a porta ou trapela por onde baleiralo, e verga
para as corres. Sobre isto último hai que dicir que a cestería de
vergas non é a mesma que
a de corres, xa que a de vergas faise con tiras de madeira e a de
corres con varas enteiras, polo que non sería un termo axeitado para
o caso da cabeceira.
Técnica
construtiva
Hai
tantas técnicas como construtores, porque todos aprenderon de
pequenos. Sen outra guía que a memoria, cada un foi empregando os
materiais que tiñan máis a man e que lles pareceron máis acordes
cos tradicionais. Da mesma forma, a técnica, aínda que segue unhas
regras básicas, é adaptada seguindo as súas lembranzas e engadindo
as melloras que cada un cre necesarias. Hai que ter en conta que
todos eles teñen coñecementos de cestería.
Respecto
dos autores, non puiden atopar
mulleres que as fixeran, salvo
no caso dun matrimonio. Era
un traballo tradicionalmente reservado aos homes.
Os
pasos básicos a seguir na construción son: recolleita e preparación
da materia prima, fabricación da mesa ou grade, encaixe das varas ou
estadullos na mesa, entretecido das corres para formar o corpo da
cabeceira, elaboración da estrutura do teito, cubrición do teito e
construción dos pés e colocación da cabeceira.
1.
Recolleita e preparación da materia prima
Un
dos motivos do uso amplamente estendido foi o escaso custo económico
que supuñan as materias primas, xa que todos os materiais empregados
eran recollidos do medio natural que os rodeaba. Ademais existía (e
aínda existe) o costume de plantar vimbios ou salgueiros nas sebes
das fincas co fin, por un
lado, de crear a propia
sebe e, por outro, de
ter un lugar fixo do que sacar as varas necesarias para pequenos
traballos de cestería de “autoabastecemento”.
Os materiais
empregados tradicionalmente para as varas son: carballo ou caxigo,
castiñeiro, abelaneira e salgueiro. Para as corres: carballo, xesta,
salgueiro, codeso, bídalo, amieiro e mimosa (de xeito anecdótico).
O teito facíase
tradicionalmente de palla de centeo ou de xesta, segundo a súa
dispoñibilidade. A día de hoxe pódese apreciar unha maior
diversidade de materiais, como codeso, uz e xuncas.
A recolleita debe
facerse na lúa minguante “porque é cando ten máis liga e non
rompe”. A explicación vén dada pola influencia que ten a lúa
sobre o fluxo de savia entre as raíces e a parte aérea, facendo que
nas fases chea e crecente teña tendencia a situarse na aparte máis
alta da planta, mentres que na nova e no minguante hai máis
concentración nas raíces.
Respecto á época
do ano para a recolleita maiormente son os meses de novembro e
decembro, e nalgúns casos tamén xaneiro. Nestes meses a planta está
en proceso de aletargamento, provocando un descenso dos niveis de
azucres na capa situada entre a cortiza e a madeira. Isto fai menos
apetecible a planta para os xilófagos e confírelle unha maior
duración no tempo. Aínda así, atopei quen recolle en agosto, e coa
xesta e o codeso esperan a que caia a semente.
2. Fabricación da
mesa ou grade
A mesa é o soporte
físico da cabeceira, a base na que se espetan as varas que fan de
guía para a cámara. Pode ser de madeira ou pedra, en función da
abundancia do material.
As de madeira fanse
sempre de castiñeiro. Empézase facendo un cadrado coas pezas de
madeira, que se escuadran e unen con ensamblaxe a media madeira. O
seu tamaño determina a dimensión da cabeceira. Na actualidade miden
entre 70 centímetros e un metro, pero podían ser algo maiores. O
número de buratos que se fan decídense trazando un círculo sobre a
mesa e dividíndoo en puntos equidistantes, tendo en conta a trapela
para a que poden deixar un espazo algo maior. O número de buratos
adoita ser múltiplo de catro, sendo o máis habitual 16, catro por
cada pau, pero existen variacións. Por último, hai que cravar unhas
táboas para cubrir o oco central da mesa, que exercerán de chan da
cabeceira.
As mesas feitas en
pedra, polo xeral granito, adoitan ter forma circular e no seu borde
fanse os buratos. Pero poden darse outras variantes: mesa circular
feita con dúas pedras ou mesa rectangular na que se fan os buratos
formando o círculo.
As mesas de pedra
fan que as cabeceiras perdan unha das súas características: a
mobilidade, debido ao peso que fai que a colocación sexa definitiva,
cousa que non ten porque suceder cando é de madeira.
3. Encaixe das varas
ou estadullos na mesa
Para facer o encaixe
sácase punta ás varas e crávanse nos buratos. Os estadullos poden
ser simples, ou dobres, cando á vara inicial se lle engade unha
paralela para reforzar a estrutura.
Outro xeito de
reforzala é engadindo ventos, que son oito varas que se
cravan nas esquinas da mesa, e se entretecen coas principais, dende a
metade da cámara cara arriba. Empréganse para conseguir maior
aguante fronte a fortes ventos, de aí o seu nome. Na actualidade é
un elemento en desuso, aínda que polas testemuñas debeu ser común
noutros tempos.
4. Entretecido das
corres para formar o corpo da cabeceira
A cámara da
cabeceira faise entretecendo as corres por entre as varas guía.
Úsanse dous tipos de entretecidos de cestería: un simple, o de
“cordóns de dúas varas” e outro múltiple, o de “cordóns de
dous grupos de varas”.
No simple vanse
levando ao mesmo tempo dúas corres que se pasan alternativamente por
riba e por baixo do estadullo.
O múltiple xorde
como solución ao emprego de corres excesivamente miúdas, para dar a
consistencia necesaria á estrutura, xuntando ou torcendo varias.
Despois o entretecido faise igual que se fose simple.
Déixase sen tecer o
oco onde se colocará a trapela por onde se baleira o millo. Pero hai
quen non o deixa e logo recorta o burato asegurando despois as corres
cortadas.
5. Elaboración da
estrutura do teito
Antes de facer a
estrutura do teito hai que decidir se este será móbil ou fixo,
dependendo da forma de encher a cabeceira, é dicir, de que esta
operación se faga quitando toda a estrutura para volver colocala
unha vez chea ou facendo un burato no teito con ese fin e que se
chama, precisamente, “burato de carga”. Nas cabeceiras da Ulloa
sempre se emprega este último.
A estrutura precisa
dun número de varas igual ao que se empregou para facer a cámara.
Nas estruturas fixas poden ser a continuación do estadullo ou ben
varas independentes amarradas a eles para fixalas. E sempre van todas
atadas no extremo superior. Unha vez fixadas, engádeselle varias
corras postas á mesma distancia rodeando a estrutura a modo de
esteo, e que servirán de soporte ao material que se empregue para
tapar.
Nas estruturas
móbiles adoitase facer un reforzo con corres na parte máis
exterior, a modo de pequeno cango, e que fai moito máis recia e
estable toda a armazón.
6. Cubrición do
teito
Facíase
tradicionalmente de palla de centeo ou de xesta, pero pódense atopar
teitos de codeso, uz, xuncas ou caños de millo, segundo os materiais
máis abondosos na zoa.
Unha vez escollido o
material, que ha de estar ben seco para evitar que mingüe unha vez
colocado, cúbrese dende abaixo cara a arriba, facendo un amarre do
material na parte baixa, que adoita repetirse cara ao medio e na
parte alta do teito. Ese amarre faise tradicionalmente con palla,
corres ou varas, pero na actualidade poden empregarse cordas, arames,
ou incluso neumáticos de bicicleta.
Os teitos non teñen
por que ser só dun material. Poden ser mixtos: feitos de xesta e
recubertos con palla, ou feitos na parte baixa de codeso e na alta de
xuncas, por citar dous exemplos.
O remate, o
carapucho, faise revirando sobe si mesmas as pallas finais e
amarrándoas. Na actualidade a maioría empregan xuncas para o
carapucho, aínda que é común ver os remates con plásticos.
7. Construción dos
pés e colocación da cabeceira
Unha das
singularidades das cabeceiras é a súa mobilidade, algo que a día
de hoxe non parece importante pero que si o foi anos atrás. As
cabeceiras eran coñecidas como os hórreos dos pobres, construídas
por aqueles que non tiñan recursos para acometer a obra dun hórreo,
ou non tiñan casa propia, como era o caso dos caseiros. Eran estes
os que máis estimaban a mobilidade da cabeceira pola súa necesidade
de levala con eles cando cambiaban de terras.
Tendo en conta esa
mobilidade, así eran os pés. Se a casa era allea, os pés facíanse
con catro cepos de madeira ou aproveitando algún valado ou estrutura
de pedra antiga feita por outros caseiros. Cando a casa era propia o
pé facíase en pedra para poder aproveitalo dunha cabeceira para
outra.
Existen tres clases
de pés de pedra:
- Os de un só apoio
central sobre o que se asenta unha lousa que fai de tornarratos. O
apoio central pode ser un so bloque de pedra ou varias pedras
colocadas de xeito que fan o efecto dun bloque.
- Os de varios
apoios con lousa sobre eles. Poden ser de dous ou tres apoios.
- Os de catro pés,
un para cada esquina da mesa. Adoitan levar unha pequena lousa que
fai de tornarratos colocada entre o pé e a mesa. Este tipo faise con
cepos de madeira, ou na actualidade con tubos prefabricados de
formigón.
O lugar onde colocar
a cabeceira non está estipulado. Con todo, é común colocalas na
parte traseira da casa, preto das cuadras dos animais e en lugares
con algo de protección fronte a ventos fortes ou temporais, é
dicir, cara ao nordés.
Queda claro que a
construción dunha cabeceira era a suma de distintos labores feitos
durante certo tempo. Lola Tourón, mestra cesteira, asegura que
“nestes traballos nunca se mirou moito o tempo, sempre se fixo con
clama, adicando tempos intermedios a falar ou a facer outras cousas.
Adicábaselles, polo xeral, poucas horas diarias, eran as horas
mortas nos días de inverno que non había outros traballos urxentes.
Estes traballos eran feitos por alguén da casa acompañado dun
veciño...”. Coincide co testemuño de José Vázquez Méndez,
construtor, quen tamén di que se había apuro “recollíanse corres
de carballo moito máis gordas cas que lle meten agora e xuntábanse
catro homes. Un preparaba as corres, por se había que enqueiralas,
outro metía entre os paus, outro pisábaas e o último xuntábaas
ben dándolles cun mazo”. Así conseguíase facer a cámara en
poucas horas.
As cabeceiras
rectangulares
A orixe das
cabeceiras é a estrutura circular, pero nos últimos séculos
apareceu a cabeceira rectangular como unha adaptación ou intento de
imitación dos hórreos rectangulares de
pedra. Na actualidade pódense considerar etnografía desaparecida.
Os últimos exemplares en pé podíanse ver hai tres ou catro anos.
Para construílos
empregábase a mesma materia prima entretecida que nos circulares,
variando só a forma da mesa e escollendo paus máis gordos para
entallar nas esquinas da estrutura. Varía a cubrición, que se fai a
dúas augas sobre unha armazón que adoita ter listóns de castiñeiro
e que era cuberta da mesma forma e cos mesmos materiais que as
redondas. Baleirábanse por unha porta feita con táboas nun dos
penais ou no centro dun costal.
Distribución das
cabeceiras
Xa se dixo que se
poden atopar estruturas semellantes en moitas partes do mundo. Na
nosa comunidade existiron en todo o territorio e foron desaparecendo
segundo foi avanzando o século pasado, producíndose unha “extinción
masiva” a partir de finais dos anos 70, cando comeza o declive
demográfico do rural galego.
Aínda así, foi no
centro de Galicia onde as cabeceiras seguiron a ser utilizadas,
seguramente como froito dunha marcada tradición de agricultura
minifundista moi enfocada cara ao autoconsumo. En pleno século XXI,
aínda existen cabeceiras “vivas” (empregadas para gardar o
millo) en calquera dos tres concellos da comarca da Ulloa. Aquí é
onde se atopa o maior número delas en todo o territorio galego.
Hai que falar do
caso particular de Vivenzo, na parroquia de Quins do concello de
Melón (Ourense) onde se conserva unha eira con 16 cabeceiras (varias
delas desfeitas), e que constitúen unha agrupación única en
Galicia. Teñen unha estrutura diferente ás da Ulloa. Ademais de ser
moito maiores, teñen unha cubrición máis grosa e longa, o que fai
que o corpo quede practicamente cuberto polo colmo, aínda que co
burato de carga ben visible.
Deixo tamén
constancia da existencia das chamadas palleiras “de costráns”,
no concello de Poio (Pontevedra). Na actualidade só existen dous
exemplares nos lugares de Ucha e Arís, parroquia de San Xoán de
Poio. Teñen unha estrutura semellante ás rectangulares, de maior
tamaño, e as varas trénzanse previamente entre elas, facendo cintas
que logo son colocadas entre os estadullos.
A situación
actual das cabeceiras
A maior parte das
cabeceiras vivas están nos concellos da Ulloa (Antas de Ulla,
Monterroso e Palas de Rei). É tamén nestes concellos onde aínda
existen construtores que non só as fan para eles e os seus veciños,
senón que as constrúen por encargo para outras partes de Galicia.
Son xente maior, que teñen este traballo como un pasatempo ao que
lle poden sacar unha pequena ganancia e que, sobre todo, están
orgullosos de seguir mantendo “as cousas de antes”. Tres exemplos
destes construtores son Julio España, de Castro de Amarante (Antas
de Ulla), José Vázquez Méndez, que viven en Tarrio de Novelúa
(Monterroso) e naceu en Chorexe (Palas de Rei); e José López Ferro,
natural de Hospital das Seixas que vive en San Mamede do Carballal
(Palas de Rei). Cada un fai cabeceiras únicas representativas dos
distintos tipos existentes.
Eles son só un
exemplo, hai máis construtores aos que non se lles debería perder a
pista, pois poden ser transmisores necesarios para a aprendizaxe de
novas xeracións que queiran manter este saber.
Queda patente que a
singularidade das cabeceiras é tal que merecen ser consideradas
patrimonio etnográfico, ou etnolóxico. A actual Lei de Patrimonio
só recolle a protección dos hórreos de construción anterior a
1901. As cabeceiras non entrarían, xa que ao estar feitas de
materiais vexetais, a súa duración é limitada e, agás contados
casos, nunca pasa dos vinte anos. A única posibilidade está no
punto que di: “As presuncións establecidas... poden ser obxecto de
revisión en función da situación e características do ben. Do
mesmo modo, poderá recoñecérselles un significativo valor
etnolóxico a bens non incluídos... sempre que así se determine
despois dun estudo pormenorizado”.
Queda, polo tanto,
en mans das autoridades locais a petición á Consellería de Cultura
de facer os estudos correspondentes para incluír as cabeceiras no
catálogo de bens culturais de Galicia.
Agradecementos:
a Julio España, José Vázquez Méndez e José López Ferro; a
Manuel Busto (blog Aqualatam); José Manuel González
(cooperativa Os Parentes); Fernando Rodríguez Rodríguez (xunto con
Beatriz de la Torre Rey, creadores de hórreosdegalicia.com); aos
autores do blog Friol, algo máis que pan e queixo; Eladio
Cortizo e Pablo Eirín (fotografías no traballo orixinal); e aos
mestres cesteiros Lola Tourón e Carlos Fontales.
Bibliografía
- Bas López, B.
(1980): “Os nomes galegos dos hórreos e dos seus elementos”.
Verba. Anuario Galego de Filoloxía, vol. 7.
- Caamaño Suárez,
M. (1998): “As construcións adxectivas”, Cadernos Museo do Pobo
Galego, 9. Santiago de Compostela.
- Caamaño Suárez,
M. (2003): “As construcións da arquitectura popular. Patrimonio
etnográfico de Galicia. Consello Galego de Colexios de Aparelladores
e Arquitectos Técnicos, A Coruña.
- Caamaño Suárez,
M. (2014): “Os hórreos de Galicia”, O hórreo: patrimonio
arquitectónico, Monografías nº 152. Universidade da Coruña, A
Coruña.
- Cortizo Pascual,
E. (2014): Os canastros. Blurb España.
- De Llano Cabado,
P. (1983): Arquitectura popular en Galicia. Colexio Oficial de
Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela.
- Días, J., Veiga
de Oliveira, E. e Galhano, F. (1986): “Espigueiros portugueses”.
Hórreos y palafitos de la península ibérica. Ediciones Istmos,
Madrid.
- Fontales, C.
(2005): Cestería de los pueblos de Galicia. Ir Indo Edicións, Vigo.
- Frankowski, E.
(1918): Hórreos y palafitos de la península ibérica, Madrid. Museo
Nacional de Ciencias Naturales. Comisión de investigaciones
paleontológicas y prehistóricas, Madrid.
- García Florez, M.
C. (1993): “Cabaceiros de la comarca de la Ulloa”, Narria nº
63-64. Museo de Artes y Tradiciones Populares de Universidad
Autónoma, Madrid.
- Geada Uzal, A.
(2003): “Tipoloxía de hórreos na comarca do Eume”. Cátedra,
Concello de Pontedeume, Pontedeume.
- Gómez-Tabanera,
J. M. (1986): “El hórreo hispánico como artefacto cultural”,
Hórreos y palafitos de la península ibérica. Ediciones Istmos,
Madrid.
- Gómez-Tabanera,
J. M. (1986): “Estructuras palafíticas y arquetipos culturales”,
Hórreos y palafitos de la península ibérica. Ediciones Istmos,
Madrid.
- González Pérez,
C. (1992): “Los hórreos gallegos”, Narria nº 59. Museo de Artes
y Tradiciones Populares de Universidad Autónoma, Madrid.
- Kuoni, B. (2003):
Cestería tradicional ibérica. Ediciones del Aguazul,
Barcelona.
- López Soler, J.
(1931): “Los hórreos gallegos”, Actas y memorias, Sociedad
Española de Arqueólogía, etnografía y prehistoria. Tomo X,
cuadernos 1º y 2º. Museo Antropológico Nacional, Madrid.
Reproducción facsimilar anexa á primeira parte de Hórreos y
palafitos de la península ibérica de Eugeniusz Frankowski (1986),
Ediciones Istmos, Madrid.
- Lorenzo Aspres, A.
(2014): “O sistema constructivo do hórreo galego”, O hórreo:
patrimonio arquitectónico, Monografías nº 152. Universidade da
Coruña, A Coruña.
- Lorenzo Fernández,
X. (1979): Historia de Galicia (dirixida por Ramón Otero Pedrayo),
tomo 2. Akal Editor, Madrid.
- Martín Galindo,
J. L. (2006): La arquitectura vernácula. Diputación de Badajoz,
Badajoz.
- Martínez
Peñarroya, J. (1992): “De la casa de palos y ramas. Arquitectura
tradicional de cubierta vegetal en España”, Antiquitas, nº3.
Museo histórico municipal de Priego de Córdoba, Priego de Córdoba
(Córdoba).
- Martínez
Rodríguez, I. (1979): El hórreo gallego. Estudio geográfico.
Fundación Barrié de la Maza, A Coruña.
- Rivas Quintas, E.
(1996): Millo e hórreo. Legumia e cestos. Edicións Laiovento,
Santiago de Compostela.
- Rodríguez
Castro-Rial, R., Sánchez Rancaño, C. e Taboada Acevedo, R. (1996):
Estudio de construcción rural en el camino de Santiago: Palas de
Rei. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela.
- Soraluce Blond, J.
R. (2014): “O hórreo: patrimonio arquitectónico”, O hórreo:
patrimonio arquitectónico, Monografías nº 152. Universidade da
Coruña, A Coruña.