martes, 1 de marzo de 2022

A Cestería: A arte de tecer fibras vexetais

 

O presente texto é un resumo sacado do artigo do mesmo título escrito por Lola Tourón Río e publicado na revista CROA, Boletín do Museo do Castro de Viladonga, nº 28 (2018), pax. 126-132.


Breve achega histórica

A cestería é a arte de tecer materiais vexetais flexibles para construír recipientes de transporte e almacenaxe. Pero ten tamén unha acepción máis ampla que abrangue calquera tipo de peza realizada con fibras vexetais: elementos de arquitectura como tabiques, cubertas de palla, construcións para almacenaxe como os caínzos, mobiliario como as cadeiras, sombreiros, vestiario como as corozas para a choiva e calzado, entre outras.

Ao longo da historia unha gran variedade de artesáns teñen traballado materiais vexetais, en función das necesidades do momento, como os cordeiros (elaboraban cordas), os esteiros (realizaban esteiras), esparteiros (traballaban o esparto), albardeiros (manufacturaban albardas para os animais), cabestreiros (trenzaban os cabestros ou cordas de cáñamo), silleiros (botaban os asentos ás cadeiras), etc.

Antropólogos e arqueólogos coinciden en que o traballo da cestería precede ao da olaría e o tecido. Trátase, polo tanto, dunha das tecnoloxías máis antigas, que nace da necesidade de transportar, conservar e protexer alimentos, líquidos e aveños básicos. Probablemente os referentes foran da contorna máis inmediata; mesmo os niños dos paxaros son entrelazados de fibras vexetais. Deste xeito, poderiamos considerar a cestería como unha adaptación do home e as súas necesidades por medio da utilización dos elementos e das técnicas presentes na propia Natureza.

A cestería nace e desenvólvese simultaneamente en diferentes culturas e en varios espazos xeográficos do mundo, esténdese polos cinco continentes e desenvólvese nas máis diversas culturas. Os achados arqueolóxicos sitúana a partir da sedentarización das sociedades cazadoras-recolectoras do Paleolítico, como evidencian as pinturas murais en covas e abrigos da Península Ibérica, como a cova de “La Araña” de Bicorp en Valencia, onde se representa a un home que leva un cesto na man, gabeando para recoller mel nunha colmea. Na cova de “Los Murciélagos” de Albuñol en Granada, apareceron varios cadáveres ataviados con túnicas, gorros, colgantes, cestos e calzado, todo feito de esparto. Estes restos conserváronse grazas ás condicións especiais dentro da cova e a que os cadáveres estaban momificados, posto que a cestería, ao ser materia orgánica, consérvase moi excepcionalmente.

A necesidade de transportar e conservar líquidos, antes da invención oleira, levaría a impermeabilizar con arxila os recipientes cesteiros. A técnica de cestería do cosido en espiral sería a que propiciou o método máis antigo de elaboración cerámica: unha larga tira de barro que enrolada sobre si mesma iría dando forma ás paredes do vaso (técnica de colombíns ou churros). A teoría de que a cestería precede á olería, podémola evidenciar nos restos de cerámica con pegadas ou marcas cordais, como o exemplo da peza arqueolóxica de Villargamar do Museo de Burgos, ou as pezas construtivas para revestimento de paredes de moitos castros da Idade de Ferro no noroeste peninsular, o chamado pallabarro, etc. Hai moitos restos deste material en escavacións de castros como o de Viladonga en Lugo, o de Besomaño en Ribadumia, Pontevedra, e outros.

Tamén sabemos que nos asentamentos prehistóricos tiñan celeiros soterrados, forrados de cestería para a protección dos alimentos, ou forrados de arxila como as cabazas do xacemento de Monte Buxel en Redondela, para conter líquidos. Probablemente os cestos recubertos de barro, ao seren consumidos polo lume, deron lugar a unha forma independente de barro moldeado e cocido, isto é a cerámica. A relación entre cestería e cerámica está moi presente nos exemplos de cacharros de barro con decoracións que imitan tramados da cestería como os de tipo campaniforme.

A importancia da cestería no mundo grecolatino queda demostrada na representación destes obxectos en pezas de cerámica, nas moedas, en mosaicos e pintura mural. Tamén se teñen atopado restos de cestos de época romana utilizados para gardar ósos humanos, o que evidencia un uso funerario ademais de doméstico.

Posiblemente, aínda que hai poucos restos, na Idade Media continuouse con esta artesanía con poucas innovacións. Formaríanse gremios de cesteiros como era habitual en calquera artesanía e evolucionaría a unha maior especialización deste oficio.

No século XX o proceso de industrialización vai ser determinante na evolución deste traballo. O gran despegue da cestería no noso ámbito xeográfico coincide coa expansión da industria. Os pobos cesteiros xorden pola necesidade de abastecer ás industrias, aos centros mineiros, á actividade pesqueira, ao transporte e ao comercio de produtos. Parece un paradoxo que o mesmo desenvolvemento técnico e industrial que motivou o auxe da actividade cesteira provocara a súa paulatina desaparición. Os novos materiais derivados do petróleo, como o plástico e, en menor medida, o caucho, a mecanización do campo e, en xeral, os novos sistemas produtivos, anulan en gran medida a funcionalidade da actividade cesteira que responde ao principio básico de ser un obxecto funcional, pragmático e humilde.


Materias primas e técnicas máis frecuentes en Galicia

Nas escavacións arqueolóxicas non adoitan aparecer pezas de cestería porque as condición de enterramento, a alta humidade xunto ao solo ácido galego, non permiten a súa perdurabilidade. Pero contamos con algúns exemplos carbonizados, como os restos dunha posible cesta exhumada no castro de Castromaior en Portomarín, que constata o uso deste material nos castros de Galicia. E, por suposto, quedan as pegadas das varas en moitos restos de pallabarro para construcións na maioría dos castros do noroeste peninsular.

A cestería tradicional de Galicia tivo un uso cotiá nas casas, para todo tipo de usos atendendo a unha economía gandeira, agrícola e mariñeira. Segundo os materiais e técnicas construtivas podemos diferenciar catro grandes tipoloxías: cestería de varas ou corres, cestería de madeira rachada, cestería de colmo e cestería mixta.

Cestería de varas ou corres

O clima e a vexetación abundante da rexión atlántica, con bosque de folla caducifolia e clima chuvioso, é ideal para a cestería de varas, que usa numerosas especies vexetais: vimbio, codeso, pau sanguiño. O hórreo, e o seu antecesor o cabaceiro ou canastro, son a versión máis primitiva desta cestería e demostra que a casa e o cesto se unen co mesmo concepto primario: o de seren receptáculo e protección. As sebes vivas, rastros para a terra, colares e soltas para o gando, mostran enxeñosas formas milenarias de adaptación ao medio.

Cestería de madeira rachada

Entre as pezas realizadas con esta técnica están os escriños, para levedar a masa, e as paneiras, para gardar o pan entre fornada e fornada; ás veces eran tan grandes que non pasaban polas portas, así que o escriñeiro/a traballaba a peza dentro do propio lugar. Algunhas formas de beleza extraordinaria, xigantescas ánforas para gardar as fabas, pezas baixas achatadas pra a pita choca ou pequenas cestas para o pan recen amasado antes de ir ao forno; todas tiñan a particularidade de manter un equilibrio xusto entre ventilación e retención de humidade. Outros exemplos de sumo esmero son as colmeas que deron o nome de técnica de colmea. A madeira rachada tamén tivo importancia nos traballos de carrexo de xurro, vendima, pedras, etc. Pezas como o culeiro ou carrá, ou os cestos de zoqueiro cunha asa cruzada, onde levaban a ferramenta de aldea en aldea para facer ou reparar os zocos.

Cestería de colmo

Nace vencellada ao cultivo do cereal e usa a técnica en espiral, que avanza a partir dun punto central ao redor do que se cose cun movemento en espiral crecente. Un tecido apertadísimo que se forraba con resina de pino para reter o líquido, foi unha das primeiras técnicas e a máis estendida.

A cestería de palla de centeo, maioritariamente cosida con casca de silva, foi moi relevante en todo o país ata o 1880. Nese momento o cultivo de centeo entrou en retroceso e foise perdendo o traballo artesán ligado a el, ademais da aparición das colleitadoras mecánicas que fan que a palla non sexa apta para a cestería.

Cestería mixta

Xorde da interacción entre a cestería de varas e a de madeira. Mestura madeira, vimbio e codeso e é propia do interior de Galicia.


Non debemos esquecer as corozas, feitas con xuncos que, probablemente, sexa unha prenda ancestral que levaban os pastores para protexerse da choiva e do frío.


Hai todo un patrimonio lingüístico relacionado cos usos e as tipoloxías dos cestos. Na zona de Mondariz conservouse ata hai ben pouco unha linguaxe específica dos cesteiros, símbolo da súa grande importancia na historia da artesanía en Galicia. En Vigo consérvase o nome da Rúa dos Cesteiros.

A cestería está nun momento complexo, pero cremos que aínda ten moito que achegar: estruturas, valados, esculturas e pezas de uso cotiá, aportan beleza e coñecemento da nosa cultura, dos materiais e de nós mesmos.


Bibliografía

ALFARO GINER, C. (1984): Tejido y cestería en la Península Ibérica. Historia de su técnica e industrias desde la prehistoria hasta la romanización. Consejo Superior de Investigaciones Científicas – Instituto Español de Prehistoria. Bibliotheca Praehistorica Hispana VOL.XXI, Madrid.

AMOROS OSKOZ, X. (1998): La cestería del castaño en Durangaldea-Juan Unzueta. Ed. Arbaso, Durango.

CALLE RODRÍGUEZ, A. (1982): La Cestería. Oficios tradicionales de Madrid. Ed. Servicio de Extensión Cultural y Divulgación. Diputación de Madrid, Madrid.

FONTALES, C. (2005): Cestería de los pueblos de Galicia. Edicións Ir Indo, Vigo.

HERRERO GARCÍA, M.R. e BARCELO GARCÍA, E. (1987): “La cestería en las comarcas de Navalcarnero y San Martín de Valdeiglesia”. Narria, nº47. Universidad Autónoma de Madrid: Museo de Artes y Tradiciones Populares, Madrid.

HOGAN, J. (2001): Basketmaking in Ireland. Ed. Wordwell Ltd. Dublin.

LÓPEZ MARTÍNEZ, L.F. (2009): Memoria da intervención arqueolóxica no castro de Castromaior, Portomarín, Lugo 2007-08-09.

KUONI, B. e SORIANO MARÍN, M.D. (1977): “Propuesta de terminología para las técnicas empleadas en cestería”. Narria, nº7. Ed. Universidad Autónoma de Madrid: Museo de Artes y Tradiciones Populares, Madrid.

KUONI, B. (2003): Cestería Tradicional Ibérica. Ediciones del Aguazul, Barcelona.

VARELA CADAHÍA, C. (2017): “Cabaceiras, os hórreos dos pobres”. Cairón, nº1. Instituto de Estudos Ulloáns, Santiago.

No hay comentarios:

Publicar un comentario