Mostrando entradas con la etiqueta Aprendizaxe-Servizo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Aprendizaxe-Servizo. Mostrar todas las entradas

domingo, 10 de noviembre de 2024

Libro Arredor do Rural

 


A Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural naceu coa vontade de poñer en contacto ao estudantado universitario con colectivos que traballan pola sustentabilidade no rural.

Nas Espigadoras levamos varios anos colaborando nestes proxectos que teñen un retorno educativo e práctico para ambas partes.

Compartimos neste enlace o libro de Arredor do Rural que mostra algunhas destas experiencias.

Esperamos que vos resulte interesante.












domingo, 3 de marzo de 2024

Documental "Oficios para sempre. Traendo ao presente"

 


O sábado 2 de marzo presentamos en Caborrecelle (Portomarín), nun dos espazos onde celebramos os obradoiros e as actividades das Espigadoras, o documental “Oficios para sempre. Traendo ao presente”.

Podedes velo completo aquí.

Trátase dunha pequena mostra dalgúns oficios tradicionais que están en serio perigo de desaparición en Galicia e de como eses saberes formaban parte da cultura dun pobo e se facían imprescindibles para a vida das persoas.

Este traballo nace da colaboración entre a asociación As Espigadoras e alumnado da USC do Master en Dirección de Actividades Educativas na Natureza. Trátase dun dos proxectos desenvoltos ao abeiro da “Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural”, que engloba a profesionais da educación/investigación e entidades que están a traballar no medio rural con perspectiva de sostenibilidade, co obxectivo de que o estudantado colabore cos colectivos ao tempo que aborde contidos educativos.

Agardamos que vos guste!



sábado, 30 de diciembre de 2023

V Encontro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural

 

O V Encontro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural constituíu un capítulo máis da nosa colaboración con esta iniciativa tan interesante, chea de saberes e moi activa, que consegue conectar universidade e mundo rural, educación e sustentabilidade desde e para o rural.


Coma outras veces, presentáronse os últimos proxectos colaborativos realizados entre as asociacións e os/as universitarios/as participantes; fíxose un repaso do recorrido feito ata o de agora; dúas mesas redondas moi interesantes; e a presentación do libro "Arredor do rural. Comunidade de saberes e innovación socio-educativa":

"O documento, cun total de 29 autores, nace coa idea de deixar por escrito todas aquelas conclusións que ían xurdindo dentro do marco do proxecto Arredor do Rural. A iniciativa botou a andar co obxectivo de converterse nun espazo de encontro entre persoas que traballan en distintos ámbitos e, sobre todo, nunha ponte entre o coñecemento académico, propio das universidades, e o popular, ao que segundo o coordinador «non se lle da a importancia que merece».
A obra, publicada este 2023, pretende ser un compendio de diferentes visións que serva, entre outras cousas, para que o alumnado de estudos superiores vexa no rural un lugar no que poder traballar e desenvolver a súa vida: «As opcións de futuro sempre se expoñen mirando ao urbano e nós queremos construír unha visión alternativa»."

Achegámosvos o vídeo resumo da xornada.



sábado, 9 de abril de 2022

Aprendizaxe e Servizo en colaboración coa USC

A asociación As Espigadoras ten un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para a realización de programas de Aprendizaxe e Servizo entre a comunidade universitaria da USC. En concreto participamos nun proxecto que pretende traballar a conexión que as aulas educativas poden ter co seu entorno próximo para fomentar a aprendizaxe, da man de colectivos que traballen para mellorar o medio e a comunidade.

No marco desta colaboración acollimos dúas xornadas de traballo conxunto con varias alumnas de Formación do Profesorado, que dedicamos á execución de diversas obras de cestería para horta e espazos de lecer.

Disfrutamos moito da experiencia, avanzamos traballo e esperamos que ás alumnas implicadas lles teña servido de aprendizaxe e lles sexa útil para elaborar un proxecto de interese para a súa formación como futuras educadoras.

 




Damos as grazas a David, un dos responsables do programa, pola coordinación das actividades e as verbas que nos envía:

Na materia Educación en Contextos Rurais, impartida polas profesoras do GI-ESCULCA Carmela Cambeiro Lourido e David García Romero, puxemos en marcha un formato de prácticas seguindo a metodoloxía da aprendizaxe-servizo, na cal convidamos ao alumnado a participar con diferentes asociacións que actúan no medio rural en diferentes ámbitos.

Esta iniciativa é posible grazas ás relacións feitas na Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, e agardamos que sirva para que as futuras docentes aprendan a crear a súa práctica profesional en cohesión coas persoas que coidan a terra e as comunidades e que comparten o seu saber acumulado ao longo dos anos.

Agradecemos profundamente poder contar coa axuda das Espigadoras para este traballo, dando unha oportunidade de interacción humana e rica ao alumnado. Ao mesmo tempo, nesta relación, que debe ser de simbiose, tamén o alumnado contribúe en beneficio da asociación, aportando a súa enerxía e interese e tamén co realización dun traballo final que deseña como aproveitar o coñecemento e facer das Espigadoras en centros educativos.

A nosa esperanza como profesorado é ter fomentado unha relación mutuamente proveitosa e tela acompañado de maneira atenta e proveitosa.


 

viernes, 4 de marzo de 2022

Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural

 

    As Espigadoras participamos na Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural. Un proxecto da USC xunto con universidades do Norte de Portugal no que participan un número importante de grupos e asociacións que traballan no rural, tanto en Galiza como no Norte de Portugal.

    Preténdese conectar á universidade e os seus estudantes co entorno rural, as súas necesidades e as posibilidades que ofrece dun xeito proactivo e educativo, fundamentado na metodoloxía da Aprendizaxe-Servizo.