Mostrando entradas con la etiqueta Oficios no rural. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Oficios no rural. Mostrar todas las entradas

domingo, 5 de mayo de 2024

Os procesos da la nos obradoiros das Espigadoras

As Espigadoras queremos agradecervos estes anos compartindo saberes con todas as persoas que vos achegades a Caborrecelle ou a Recelle.

Nesta ocasión lembramos todos os procesos da la, desde o lavado e fiado, con Flor...






...o uso de tintes naturais para fibras textis, no que tamén nos guiou Flor...




...o afieltrado, coa dirección de Fran...



...e a calceta con cinco agullas para facer luvas ou calcetíns, con Lucía...



Procesos ancestrais, interesantes, bonitos e divertidos, que esperamos seguir compartindo con todas as persoas interesadas.

No outono de 2024 volveremos a ofrecer obradoiros coma estes para todas as persoas que se acheguen.

Agardámosvos!

miércoles, 6 de marzo de 2024

MULLERES E SABERES TRADICIONAIS

Foto: Lola Tourón
 

Asumindo a definición da wikipedia, as artes e tradicións populares son as manifestacións materiais, artísticas e espirituais, transmitidas e creadas polo pobo.

O que nos parece interesante destacar é que estas tradicións interactuaban na dinámica social e desenvolvíanse en función das necesidades materiais e sociolóxicas das comunidades. Existían porque eran parte integrante e necesaria da vida das persoas e foron enriquecéndose cos coñecementos perfeccionados ao longo de xeracións. Toda esa riqueza está a piques de perderse coa desvalorización actual, o abandono do rural e certa cegueira soberbia dunha sociedade que asume como desenvolvemento o que máis ben se está a amosar como insostibilidade e destrozo.

Ao longo da Historia existen múltiples exemplos, en todo o mundo, de como as mulleres ficaron sendo as preservadoras dos saberes que a modernidade e o patriarcado despreza. Máis aínda, sabemos que o traballo, as capacidades, e ata o corpo das mulleres ven sendo controlado polos poderes de Estados, Iglesias e patriarcados ao uso. Mulleres libres, con coñecementos e saberes que escapaban á autoridade patriarcal foron queimadas por “bruxas”. En Calibán y la bruja1, destácase a necesaria subordinación das mulleres para o desenvolvemento do capitalismo.


Na información recopilada sobre a posición das mulleres na olería tradicional de Buño (que non difire do descrito noutras zonas oleiras de toda Galiza) descríbese unha división de tarefas en función do sexo: as mulleres tiñan adscritas as tarefas que precisan de paciencia e precisión mentres que aos homes se lles asignaban aquelas que teñen que ver coa forza e a toma de decisións. As tarefas das mulleres eran consideradas como auxiliares ás dos homes2.

A realidade non respondía totalmente a este modelo e as mulleres realizaban moitas tarefas duras e que requirían coñecementos precisos, como varias das que se lles asignaban nas coccións. Tiñan vetado o uso dos tornos para a creación das pezas, no que levaban o mérito os oleiros, pero na práctica realizaban algunhas pezas. Como ocorre en moitos outros ámbitos, a característica principal era a falta de valoración das tarefas das mulleres fronte ás dos homes.


Un estudio sobre desigualdade de xénero no sistema da arte en España, da historiadora da arte Marta Pérez Ibáñez, reflicte que as mulleres ocupan só o 27% dos catálogos das galerías e o prezo das súas obras é menor.

Esta situación ten motivado a creación de asociacións de mulleres como Blanco, Negro y Magenta, mulleres artistas que traballan no campo das artes visuais sobre o concepto de xénero a través de exposicións, tertulias e unha publicación propia3.

Na web de Cultura y Género recóllense numerosas asociacións e colectivos de mulleres na cultura, algunhas de ámbito internacional e tan coñecidas como EmPoderArte, asociación internacional de mulleres artistas.


Por outra banda, é necesario desmentir o estereotipo que se adoita ter desde os ámbitos urbanos dunha muller rural pasiva e desinteresada cando a realidade é que son axentes sociais activos na procura de melloras para a contorna que as rodea. Entenden a importancia do concepto de comunidade e por iso son maioría en case todas as asociacións que se crean no seu entorno ou que elas mesmas crean.


Na Galiza hai diferentes exemplos de traballos que tradicionalmente estiveron a cabalo entre a industria e a artesanía, como as redeiras, un traballo manual imprescindible para a industria da pesca y dificilmente sustituible por máquinas, realizado case na súa totalidade por mulleres en condicións difíciles, que poñían en risco a súa saúde. En 2004 constituíron a Federación Galega de Redeiras Artesás para reclamar visibilidade, recoñecemento e mellores condicións laborais.


O Consello da Cultura Galega considerou necesario por en valor o legado das tocadoras a través do proxecto Axudádeme a cantar, un conxunto de seis vídeos que buscan visibilizar o canto acompañado con percusión de man mantido polas mulleres que pasaban os coñecementos de xeración en xeración e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral da Galiza4.


Pero ademais, os espazos de traballo nos que as mulleres se xuntaban eran espazos de liberdade, tal como explicou a historiadora Encarna Otero nunha homenaxe ás lavandeiras celebrado en Compostela en marzo de 2017: “Sobre todo porque alí non había homes. Elas cantaban, rexoubaban, contaban contos, facían unha especie de terapia colectiva na que criticaban o mundo para o que elas lavaban: a igrexa, os señores..."5


Sara, coñecedora dos procesos da la e o liño desde sempre, comenta no documental das Espigadoras6 Oficios para sempre. Traendo ao presente, que o que máis lle gustaba era o “tascadeiro” do liño: “viñan moitas mulleres, e logo aproveitaban vir os mozos para tirarlle piropos ás que lle gustaban e contábanse contos, botábanse retrousos, cantábase e bailábase”. Eran espazos sociais e de lecer que se constituían ao redor de tarefas artesás compartidas polas mulleres.


Nun estudo sobre mulleres artesáns que se sitúan na periferia da actividade estable económica traballando nos mercados de venta directa ou tradicionais7, a autora sinala que “o mercado tradicional propiamente dito era un espazo puramente masculino, no tocante ós oficios artesanais. O papel das mulleres artesás era secundario ou reducido a oficios concretos relacionados principalmente coa venda de comida (excedentes domésticos). O papel artesá da muller no espazo de venda público non existía practicamente xa que, a venda da mercadoría das artesanías feminizadas (tecedeiras, palilleiras, etc), era unha venda privada ou directa ós clientes (ás casas, por encarga). O espazo de venda na feira, dende o punto de vista artesá e de oficios, era puramente masculino (zoqueiros, zapateiros, torneiros, telleiros, oleiros, etc)”.

Por esa razón indica que as mulleres valoran a conquista destes espazos como “unha forma de empoderamento da muller”.


No documental xa nomeado, Oficios para sempre. Traendo ao presente, Josefa Lombao, oleira de Bonxe, relata que “a muller, antes como agora, facía de todo”; a súa aboa, muller de carácter, ía a vender ás feiras as pezas que facía o seu marido, oleiro.


O estudo indicado anteriormente, aínda que feito no 2008, parécenos que na súa maioría segue a estar vixente. Sinala o “problema para as xeracións de mulleres que son recoñecidas e identificadas coma artesás, pero que aprenderon e exerceron a súa profesión no obradoiro informal e que, aínda querendo optar pola profesionalización oficial se topan de fronte cunha lexislación que non lles recoñece a actividade, tendo que acceder ás aulas a aprender de novo para ser recoñecidas administrativamente como artesás. Para superar esta situación estas mulleres, evitan o curso oficial e seguen desenvolvendo a súa actividade informalmente nun entorno xa conquistado onde non se cuestiona a súa actividade. A superación das barreiras de xénero son tan importantes coma a superación das barreiras administrativas. O desenvolvemento persoal das mulleres coma artesás pasa polo recoñecemento da súa actividade plenamente, sen limitacións nin condicionamentos, eliminando as barreiras temporais e puntuais da súa actividade trasladando as súas necesidades e opcións persoais a planos estables de actividade económica e laboral”.

A necesidade de cotizar á Seguridade Social unida a inestabilidade do mundo laboral, provocan a necesidade de buscar un emprego remunerado para afronta-los gastos da unidade doméstica. Isto unido os dados sobre as cargas familiares, provocan unha situación de inestabilidade laboral i económica nas mulleres artesás”.

O feito de ve-la artesanía coma un modo de vida, asociada a valores fortemente identitarios da cultura tradicional galega, non quita que non se valore o lado pragmático e utilitarista da mesma”.

As artesás entrevistadas pola autora sinalan que “tiñan que facer un réxime especial para os artesáns. Máis flexible. Tal e como está a artesanía hoxe en día non podes vivir desto”.

Por outra banda “no caso das artesás, existe una busca da sociabilidade con outras mulleres artesás, pero non se limita a un solo espazo senón que se estende máis aló da xornada festiva. O que vai reforza-la súa identidade coma artesás, pero tamén coma mulleres”.


Guadalupe Jiménez Esquinas, que realizou unha tese universitaria titulada Del paisaje al cuerpo: una crítica feminista de la patrimonialización del encaje en la Costa da Morte, destaca que “as mulleres xogaron un papel vital na conservación, mantemento e coidado da cultura, as tradicións, o popular, a vida social, a economía cotidiá, etc. Estes traballos foron considerados como parte das súas obrigas, son donacións invisibles. Porén, teñen repercutido no ben doutras persoas ou da sociedade en xeral. Estes traballos de coidado estanse a incrementar a medida que avanza a despoboación, terciarízase a economía, precarízanse os traballos e á vez increméntanse os patrimonios: cada vez haiis cousas que se consideran dignas de preservarse e de invertir nelas. Isto produce unha sobrecarga das mulleres e, á larga, prantexa unha insostibilidade do modelo. Nesta tese o que prantexo é a necesidade de contabilizar todas estas inversións e reclamar algún tipo de retorno”8.


Bibliografía:

1.- Federici, Silvia. Calibán y la bruja. Mujeres, cuerpo y acumulación originaria. Traficantes de sueños. Madrid, 2010.

2.- Artigo: Mulleres na olería de Buño. Memoria das tarefas asignadas e conquistadas (1940-2013). Da web Cultura Galega (Mulleres na olería de Buño | Álbum de mulleres | culturagalega.org)

3.- Torrente, Maite. Las mujeres en el arte: una historia de silencio, olvido y brecha de género aún por superar. Artigo publicado en “Público” (dixital). Madrid (06/02/2022).

4.- Artigo: 'Axudádeme a cantar': historias dunha literatura oral sostida por mulleres que ficaron invisibilizadas. Do xornal dixital Praza.gal (02/02/2023).

5.- Pérez Pena, Marcos. Artigo: Homenaxe ás lavandeiras: "Os espazos de traballo das mulleres eran espazos de liberdade". Do xornal dixital Praza.gal (16/03/2017).

6.- Caneiro Yáñez, Estefanía; Castro Fernández, María; García Méndez, Paula; Guardia Gamarra, Diego Alejandro; e Tejeda Alonso, Juan Manuel. O documental Oficios para sempre. Traendo ao presente recolle a testemuña de varios artesás tradicionais de oficios en perigo de desaparición en Galicia. Este traballo nace da colaboración entre a asociación As Espigadoras e alumnado da USC do Master en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, ao abeiro da “Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural”, que vincula a profesionais da educación/investigación e entidades que están a traballar no medio rural con perspectiva de sostenibilidade, co obxectivo de que o estudantado colabore cos colectivos ao tempo que aborde contidos educativos.

7.- Sánchez Pérez, Laura. Estudo final do Proxecto de investigación aplicada á situación empresarial das mulleres no ámbito da artesanía galega. Venta ambulante, traballo soterrado i economías persoais. Universidade da Coruña (2008).

8.- Una tesis del Incipit analiza los procesos de patrimonialización de la artesanía textil del encaje de Camariñas | Delegación del CSIC en Galicia

Lucía Medina Navarro

As Espigadoras

domingo, 3 de marzo de 2024

Documental "Oficios para sempre. Traendo ao presente"

 


O sábado 2 de marzo presentamos en Caborrecelle (Portomarín), nun dos espazos onde celebramos os obradoiros e as actividades das Espigadoras, o documental “Oficios para sempre. Traendo ao presente”.

Podedes velo completo aquí.

Trátase dunha pequena mostra dalgúns oficios tradicionais que están en serio perigo de desaparición en Galicia e de como eses saberes formaban parte da cultura dun pobo e se facían imprescindibles para a vida das persoas.

Este traballo nace da colaboración entre a asociación As Espigadoras e alumnado da USC do Master en Dirección de Actividades Educativas na Natureza. Trátase dun dos proxectos desenvoltos ao abeiro da “Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural”, que engloba a profesionais da educación/investigación e entidades que están a traballar no medio rural con perspectiva de sostenibilidade, co obxectivo de que o estudantado colabore cos colectivos ao tempo que aborde contidos educativos.

Agardamos que vos guste!



viernes, 23 de febrero de 2024

A cesteira que revive o rural de Lugo con formación sobre oficios

 


A aldea de Caborrecelle, en Portomarín, converteuse nun pequeno refuxio de resistencia da cultura galega.A cesteira Lola Tourón, a través da asociación As Espigadoras, iniciou un proxecto de formación de oficios tradicionais que «si ou si» tiña que asentarse no rural: «Era vital para nós que se fixese aquí porque toda a oferta está na cidade e as aldeas non teñen actividades». Dende que comezaron timidamente hai catro anos, pasaron máis de 400 persoas de toda Galicia para poder aprender oficios como a cestería, da que quedan apenas uns oito profesionais.

Leer o artigo completo en La Voz de Galicia.





lunes, 17 de abril de 2023

Mulleres artesás de Galicia (do proxecto Un mercado en cada porto)

 

Atopamos este vídeo, que nos parece interesante para as que apreciamos a artesanía e os oficios tradicionais. Esperamos que vos guste.

Mulleres artesás de Galicia I Mujeres artesanas de Galicia - YouTube

Un mercado en cada porto: mulleres artesás de Galicia, es un homenaje a nuestras antecesoras, a todas esas bisabuelas, abuelas, madres, tías... que dedicaron parte de su vida a trabajos artesanales y que en su momento se incluían como labores del hogar y no como un trabajo digno con derechos y remuneración. Este vídeo, es un conjunto de varias historias contadas por sus protagonistas en el que reivindican el reconocimiento de su trabajo, al que le han dedicado toda una vida. "Redeiras, Colareiras, Oleiras y Palilleiras" nos cuentan la historia.

martes, 15 de marzo de 2022

Cabeceiras, os hórreos dos pobres

 

O presente texto é un resumo do artigo publicado por Cristina Varela Cadahía na revista Cairón, Boletín do Instituto de Estudos Ulloáns, nº1, marzo de 2017.

Facemos nosas as verbas que o encabezan: “Só na Ulloa permanecen activos e útiles os hórreos máis primitivos do sur de Europa, as cabeceiras, cómpre que as administracións se decaten do seu valor etnográfico e fagan pola súa protección”.


Cando pensamos nun hórreo, o primeiro que nos vén á cabeza son as construcións rectangulares de pedra e madeira, ou só de pedra, que se empregan para gardar o millo. Son os máis comúns, pero non os únicos. Resistindo ao paso do tempo e ao esquecemento, á perda de poboación no rural, á morte do minifundismo e ao uso das agriculturas extensivas, en Galicia e o norte de Portugal aínda se poden ver exemplares dos hórreos máis primitivos do sur de Europa: as cabeceiras.



O obxecto e o seu nome

Trátase dun hórreo vexetal, maiormente de planta circular, no que as paredes son feitas con corres de distintas árbores ou arbustos tecidas empregando técnicas de cestería, e que se remata cunha cuberta cónica tamén vexetal. As corres, ou corras, son varas feitas dos brotes dun tronco ou cepa nai, ben de árbore (castiñeiro, carballo, bídalo, salgueiro...), ben dun arbusto (xesta, silva, sanguiño...), que para as cabeceiras se empregan sen pelar.

Os nomes recollidos pola Real Academia Galega son: cabaceira, cabaceiro, cabazo, cabaz e canastro. Pero hai outras variantes recollidas por diversos autores: bergueiro, cabeceira, cabeceiro, cabiceira, calabozo, palleiro, piorno... Existen estudos da distribución xeográfica dos distintos nomes así como da súa orixe filolóxica.

Cabeceira é o termo máis usado na Ulloa, polo que foi o escollido para este artigo.


A orixe das cabeceiras

Etnógrafos e historiadores coinciden en que son a forma de celeiro máis antiga que se conserva. A creación de silos para almacenar alimentos xeralízase en Galicia no cuarto milenio antes de Cristo, cando tamén fai a súa aparición a cestería, como complemento necesario para a creación de recipientes adecuados para a almacenaxe. Pero, ¿que diferencia a unha cabeceira dunha cesta grande? Pois que está afastada do chan, elevada sobre este e encaixada nunha base que a mantén a salvo dos dous peores inimigos de moitos alimentos: a humidade e os ratos.

Outro dos puntos claves para explicar a súa orixe prehistórica é a facilidade coa que podemos atopar o rastro de construcións deste tipo en todas partes do mundo, sempre nun contexto relacionado con culturas agrícolas primitivas en medios naturais húmidos.

Julio Caro Baroja, en Los pueblos del norte da la península Ibérica (1973), fai referencia a que a orixe das cabeceiras non está nos pobos agricultores senón que xa vén dos pobos recolledores, posto que estes tamén teñen a necesidade de almacenar alimentos nas épocas de abundancia para poder consumilos no inverno. Isto fainos lembrar que antes da existencia do millo en Galicia xa existían os hórreos e as cabeceiras para gardar e secar os froitos do outono: castañas, noces, abelás e landras; e outros cereais e legumes cultivadas como o millo miudo ou a faba loba.


Partes ou elementos dunha cabeceira

Begoña Bas di que en Guntín se lle chama “padías aos travesaños que rodean o piso”. Entendo con isto que a mesa ou grade tamén recibe este nome. Ignacio Martínez fala de: estribos para as varas e estadullos, furas para denominar os buratos que se fan na mesa para cravalos, postigo para a porta ou trapela por onde baleiralo, e verga para as corres. Sobre isto último hai que dicir que a cestería de vergas non é a mesma que a de corres, xa que a de vergas faise con tiras de madeira e a de corres con varas enteiras, polo que non sería un termo axeitado para o caso da cabeceira.


Técnica construtiva

Hai tantas técnicas como construtores, porque todos aprenderon de pequenos. Sen outra guía que a memoria, cada un foi empregando os materiais que tiñan máis a man e que lles pareceron máis acordes cos tradicionais. Da mesma forma, a técnica, aínda que segue unhas regras básicas, é adaptada seguindo as súas lembranzas e engadindo as melloras que cada un cre necesarias. Hai que ter en conta que todos eles teñen coñecementos de cestería.

Respecto dos autores, non puiden atopar mulleres que as fixeran, salvo no caso dun matrimonio. Era un traballo tradicionalmente reservado aos homes.

Os pasos básicos a seguir na construción son: recolleita e preparación da materia prima, fabricación da mesa ou grade, encaixe das varas ou estadullos na mesa, entretecido das corres para formar o corpo da cabeceira, elaboración da estrutura do teito, cubrición do teito e construción dos pés e colocación da cabeceira.



1. Recolleita e preparación da materia prima

Un dos motivos do uso amplamente estendido foi o escaso custo económico que supuñan as materias primas, xa que todos os materiais empregados eran recollidos do medio natural que os rodeaba. Ademais existía (e aínda existe) o costume de plantar vimbios ou salgueiros nas sebes das fincas co fin, por un lado, de crear a propia sebe e, por outro, de ter un lugar fixo do que sacar as varas necesarias para pequenos traballos de cestería de “autoabastecemento”.

Os materiais empregados tradicionalmente para as varas son: carballo ou caxigo, castiñeiro, abelaneira e salgueiro. Para as corres: carballo, xesta, salgueiro, codeso, bídalo, amieiro e mimosa (de xeito anecdótico).

O teito facíase tradicionalmente de palla de centeo ou de xesta, segundo a súa dispoñibilidade. A día de hoxe pódese apreciar unha maior diversidade de materiais, como codeso, uz e xuncas.

A recolleita debe facerse na lúa minguante “porque é cando ten máis liga e non rompe”. A explicación vén dada pola influencia que ten a lúa sobre o fluxo de savia entre as raíces e a parte aérea, facendo que nas fases chea e crecente teña tendencia a situarse na aparte máis alta da planta, mentres que na nova e no minguante hai máis concentración nas raíces.

Respecto á época do ano para a recolleita maiormente son os meses de novembro e decembro, e nalgúns casos tamén xaneiro. Nestes meses a planta está en proceso de aletargamento, provocando un descenso dos niveis de azucres na capa situada entre a cortiza e a madeira. Isto fai menos apetecible a planta para os xilófagos e confírelle unha maior duración no tempo. Aínda así, atopei quen recolle en agosto, e coa xesta e o codeso esperan a que caia a semente.


2. Fabricación da mesa ou grade

A mesa é o soporte físico da cabeceira, a base na que se espetan as varas que fan de guía para a cámara. Pode ser de madeira ou pedra, en función da abundancia do material.

As de madeira fanse sempre de castiñeiro. Empézase facendo un cadrado coas pezas de madeira, que se escuadran e unen con ensamblaxe a media madeira. O seu tamaño determina a dimensión da cabeceira. Na actualidade miden entre 70 centímetros e un metro, pero podían ser algo maiores. O número de buratos que se fan decídense trazando un círculo sobre a mesa e dividíndoo en puntos equidistantes, tendo en conta a trapela para a que poden deixar un espazo algo maior. O número de buratos adoita ser múltiplo de catro, sendo o máis habitual 16, catro por cada pau, pero existen variacións. Por último, hai que cravar unhas táboas para cubrir o oco central da mesa, que exercerán de chan da cabeceira.

As mesas feitas en pedra, polo xeral granito, adoitan ter forma circular e no seu borde fanse os buratos. Pero poden darse outras variantes: mesa circular feita con dúas pedras ou mesa rectangular na que se fan os buratos formando o círculo.

As mesas de pedra fan que as cabeceiras perdan unha das súas características: a mobilidade, debido ao peso que fai que a colocación sexa definitiva, cousa que non ten porque suceder cando é de madeira.


3. Encaixe das varas ou estadullos na mesa

Para facer o encaixe sácase punta ás varas e crávanse nos buratos. Os estadullos poden ser simples, ou dobres, cando á vara inicial se lle engade unha paralela para reforzar a estrutura.

Outro xeito de reforzala é engadindo ventos, que son oito varas que se cravan nas esquinas da mesa, e se entretecen coas principais, dende a metade da cámara cara arriba. Empréganse para conseguir maior aguante fronte a fortes ventos, de aí o seu nome. Na actualidade é un elemento en desuso, aínda que polas testemuñas debeu ser común noutros tempos.


4. Entretecido das corres para formar o corpo da cabeceira

A cámara da cabeceira faise entretecendo as corres por entre as varas guía. Úsanse dous tipos de entretecidos de cestería: un simple, o de “cordóns de dúas varas” e outro múltiple, o de “cordóns de dous grupos de varas”.

No simple vanse levando ao mesmo tempo dúas corres que se pasan alternativamente por riba e por baixo do estadullo.

O múltiple xorde como solución ao emprego de corres excesivamente miúdas, para dar a consistencia necesaria á estrutura, xuntando ou torcendo varias. Despois o entretecido faise igual que se fose simple.

Déixase sen tecer o oco onde se colocará a trapela por onde se baleira o millo. Pero hai quen non o deixa e logo recorta o burato asegurando despois as corres cortadas.


5. Elaboración da estrutura do teito

Antes de facer a estrutura do teito hai que decidir se este será móbil ou fixo, dependendo da forma de encher a cabeceira, é dicir, de que esta operación se faga quitando toda a estrutura para volver colocala unha vez chea ou facendo un burato no teito con ese fin e que se chama, precisamente, “burato de carga”. Nas cabeceiras da Ulloa sempre se emprega este último.

A estrutura precisa dun número de varas igual ao que se empregou para facer a cámara. Nas estruturas fixas poden ser a continuación do estadullo ou ben varas independentes amarradas a eles para fixalas. E sempre van todas atadas no extremo superior. Unha vez fixadas, engádeselle varias corras postas á mesma distancia rodeando a estrutura a modo de esteo, e que servirán de soporte ao material que se empregue para tapar.

Nas estruturas móbiles adoitase facer un reforzo con corres na parte máis exterior, a modo de pequeno cango, e que fai moito máis recia e estable toda a armazón.


6. Cubrición do teito

Facíase tradicionalmente de palla de centeo ou de xesta, pero pódense atopar teitos de codeso, uz, xuncas ou caños de millo, segundo os materiais máis abondosos na zoa.

Unha vez escollido o material, que ha de estar ben seco para evitar que mingüe unha vez colocado, cúbrese dende abaixo cara a arriba, facendo un amarre do material na parte baixa, que adoita repetirse cara ao medio e na parte alta do teito. Ese amarre faise tradicionalmente con palla, corres ou varas, pero na actualidade poden empregarse cordas, arames, ou incluso neumáticos de bicicleta.

Os teitos non teñen por que ser só dun material. Poden ser mixtos: feitos de xesta e recubertos con palla, ou feitos na parte baixa de codeso e na alta de xuncas, por citar dous exemplos.

O remate, o carapucho, faise revirando sobe si mesmas as pallas finais e amarrándoas. Na actualidade a maioría empregan xuncas para o carapucho, aínda que é común ver os remates con plásticos.


7. Construción dos pés e colocación da cabeceira

Unha das singularidades das cabeceiras é a súa mobilidade, algo que a día de hoxe non parece importante pero que si o foi anos atrás. As cabeceiras eran coñecidas como os hórreos dos pobres, construídas por aqueles que non tiñan recursos para acometer a obra dun hórreo, ou non tiñan casa propia, como era o caso dos caseiros. Eran estes os que máis estimaban a mobilidade da cabeceira pola súa necesidade de levala con eles cando cambiaban de terras.

Tendo en conta esa mobilidade, así eran os pés. Se a casa era allea, os pés facíanse con catro cepos de madeira ou aproveitando algún valado ou estrutura de pedra antiga feita por outros caseiros. Cando a casa era propia o pé facíase en pedra para poder aproveitalo dunha cabeceira para outra.

Existen tres clases de pés de pedra:

- Os de un só apoio central sobre o que se asenta unha lousa que fai de tornarratos. O apoio central pode ser un so bloque de pedra ou varias pedras colocadas de xeito que fan o efecto dun bloque.

- Os de varios apoios con lousa sobre eles. Poden ser de dous ou tres apoios.

- Os de catro pés, un para cada esquina da mesa. Adoitan levar unha pequena lousa que fai de tornarratos colocada entre o pé e a mesa. Este tipo faise con cepos de madeira, ou na actualidade con tubos prefabricados de formigón.



O lugar onde colocar a cabeceira non está estipulado. Con todo, é común colocalas na parte traseira da casa, preto das cuadras dos animais e en lugares con algo de protección fronte a ventos fortes ou temporais, é dicir, cara ao nordés.

Queda claro que a construción dunha cabeceira era a suma de distintos labores feitos durante certo tempo. Lola Tourón, mestra cesteira, asegura que “nestes traballos nunca se mirou moito o tempo, sempre se fixo con clama, adicando tempos intermedios a falar ou a facer outras cousas. Adicábaselles, polo xeral, poucas horas diarias, eran as horas mortas nos días de inverno que non había outros traballos urxentes. Estes traballos eran feitos por alguén da casa acompañado dun veciño...”. Coincide co testemuño de José Vázquez Méndez, construtor, quen tamén di que se había apuro “recollíanse corres de carballo moito máis gordas cas que lle meten agora e xuntábanse catro homes. Un preparaba as corres, por se había que enqueiralas, outro metía entre os paus, outro pisábaas e o último xuntábaas ben dándolles cun mazo”. Así conseguíase facer a cámara en poucas horas.


As cabeceiras rectangulares

A orixe das cabeceiras é a estrutura circular, pero nos últimos séculos apareceu a cabeceira rectangular como unha adaptación ou intento de imitación dos hórreos rectangulares de pedra. Na actualidade pódense considerar etnografía desaparecida. Os últimos exemplares en pé podíanse ver hai tres ou catro anos.

Para construílos empregábase a mesma materia prima entretecida que nos circulares, variando só a forma da mesa e escollendo paus máis gordos para entallar nas esquinas da estrutura. Varía a cubrición, que se fai a dúas augas sobre unha armazón que adoita ter listóns de castiñeiro e que era cuberta da mesma forma e cos mesmos materiais que as redondas. Baleirábanse por unha porta feita con táboas nun dos penais ou no centro dun costal.


Distribución das cabeceiras

Xa se dixo que se poden atopar estruturas semellantes en moitas partes do mundo. Na nosa comunidade existiron en todo o territorio e foron desaparecendo segundo foi avanzando o século pasado, producíndose unha “extinción masiva” a partir de finais dos anos 70, cando comeza o declive demográfico do rural galego.

Aínda así, foi no centro de Galicia onde as cabeceiras seguiron a ser utilizadas, seguramente como froito dunha marcada tradición de agricultura minifundista moi enfocada cara ao autoconsumo. En pleno século XXI, aínda existen cabeceiras “vivas” (empregadas para gardar o millo) en calquera dos tres concellos da comarca da Ulloa. Aquí é onde se atopa o maior número delas en todo o territorio galego.

Hai que falar do caso particular de Vivenzo, na parroquia de Quins do concello de Melón (Ourense) onde se conserva unha eira con 16 cabeceiras (varias delas desfeitas), e que constitúen unha agrupación única en Galicia. Teñen unha estrutura diferente ás da Ulloa. Ademais de ser moito maiores, teñen unha cubrición máis grosa e longa, o que fai que o corpo quede practicamente cuberto polo colmo, aínda que co burato de carga ben visible.

Deixo tamén constancia da existencia das chamadas palleiras “de costráns”, no concello de Poio (Pontevedra). Na actualidade só existen dous exemplares nos lugares de Ucha e Arís, parroquia de San Xoán de Poio. Teñen unha estrutura semellante ás rectangulares, de maior tamaño, e as varas trénzanse previamente entre elas, facendo cintas que logo son colocadas entre os estadullos.


A situación actual das cabeceiras

A maior parte das cabeceiras vivas están nos concellos da Ulloa (Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei). É tamén nestes concellos onde aínda existen construtores que non só as fan para eles e os seus veciños, senón que as constrúen por encargo para outras partes de Galicia. Son xente maior, que teñen este traballo como un pasatempo ao que lle poden sacar unha pequena ganancia e que, sobre todo, están orgullosos de seguir mantendo “as cousas de antes”. Tres exemplos destes construtores son Julio España, de Castro de Amarante (Antas de Ulla), José Vázquez Méndez, que viven en Tarrio de Novelúa (Monterroso) e naceu en Chorexe (Palas de Rei); e José López Ferro, natural de Hospital das Seixas que vive en San Mamede do Carballal (Palas de Rei). Cada un fai cabeceiras únicas representativas dos distintos tipos existentes.

Eles son só un exemplo, hai máis construtores aos que non se lles debería perder a pista, pois poden ser transmisores necesarios para a aprendizaxe de novas xeracións que queiran manter este saber.

Queda patente que a singularidade das cabeceiras é tal que merecen ser consideradas patrimonio etnográfico, ou etnolóxico. A actual Lei de Patrimonio só recolle a protección dos hórreos de construción anterior a 1901. As cabeceiras non entrarían, xa que ao estar feitas de materiais vexetais, a súa duración é limitada e, agás contados casos, nunca pasa dos vinte anos. A única posibilidade está no punto que di: “As presuncións establecidas... poden ser obxecto de revisión en función da situación e características do ben. Do mesmo modo, poderá recoñecérselles un significativo valor etnolóxico a bens non incluídos... sempre que así se determine despois dun estudo pormenorizado”.

Queda, polo tanto, en mans das autoridades locais a petición á Consellería de Cultura de facer os estudos correspondentes para incluír as cabeceiras no catálogo de bens culturais de Galicia.


Agradecementos: a Julio España, José Vázquez Méndez e José López Ferro; a Manuel Busto (blog Aqualatam); José Manuel González (cooperativa Os Parentes); Fernando Rodríguez Rodríguez (xunto con Beatriz de la Torre Rey, creadores de hórreosdegalicia.com); aos autores do blog Friol, algo máis que pan e queixo; Eladio Cortizo e Pablo Eirín (fotografías no traballo orixinal); e aos mestres cesteiros Lola Tourón e Carlos Fontales.


Bibliografía

- Bas López, B. (1980): “Os nomes galegos dos hórreos e dos seus elementos”. Verba. Anuario Galego de Filoloxía, vol. 7.

- Caamaño Suárez, M. (1998): “As construcións adxectivas”, Cadernos Museo do Pobo Galego, 9. Santiago de Compostela.

- Caamaño Suárez, M. (2003): “As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia. Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos, A Coruña.

- Caamaño Suárez, M. (2014): “Os hórreos de Galicia”, O hórreo: patrimonio arquitectónico, Monografías nº 152. Universidade da Coruña, A Coruña.

- Cortizo Pascual, E. (2014): Os canastros. Blurb España.

- De Llano Cabado, P. (1983): Arquitectura popular en Galicia. Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Santiago de Compostela.

- Días, J., Veiga de Oliveira, E. e Galhano, F. (1986): “Espigueiros portugueses”. Hórreos y palafitos de la península ibérica. Ediciones Istmos, Madrid.

- Fontales, C. (2005): Cestería de los pueblos de Galicia. Ir Indo Edicións, Vigo.

- Frankowski, E. (1918): Hórreos y palafitos de la península ibérica, Madrid. Museo Nacional de Ciencias Naturales. Comisión de investigaciones paleontológicas y prehistóricas, Madrid.

- García Florez, M. C. (1993): “Cabaceiros de la comarca de la Ulloa”, Narria nº 63-64. Museo de Artes y Tradiciones Populares de Universidad Autónoma, Madrid.

- Geada Uzal, A. (2003): “Tipoloxía de hórreos na comarca do Eume”. Cátedra, Concello de Pontedeume, Pontedeume.

- Gómez-Tabanera, J. M. (1986): “El hórreo hispánico como artefacto cultural”, Hórreos y palafitos de la península ibérica. Ediciones Istmos, Madrid.

- Gómez-Tabanera, J. M. (1986): “Estructuras palafíticas y arquetipos culturales”, Hórreos y palafitos de la península ibérica. Ediciones Istmos, Madrid.

- González Pérez, C. (1992): “Los hórreos gallegos”, Narria nº 59. Museo de Artes y Tradiciones Populares de Universidad Autónoma, Madrid.

- Kuoni, B. (2003): Cestería tradicional ibérica. Ediciones del Aguazul, Barcelona.

- López Soler, J. (1931): “Los hórreos gallegos”, Actas y memorias, Sociedad Española de Arqueólogía, etnografía y prehistoria. Tomo X, cuadernos 1º y 2º. Museo Antropológico Nacional, Madrid. Reproducción facsimilar anexa á primeira parte de Hórreos y palafitos de la península ibérica de Eugeniusz Frankowski (1986), Ediciones Istmos, Madrid.

- Lorenzo Aspres, A. (2014): “O sistema constructivo do hórreo galego”, O hórreo: patrimonio arquitectónico, Monografías nº 152. Universidade da Coruña, A Coruña.

- Lorenzo Fernández, X. (1979): Historia de Galicia (dirixida por Ramón Otero Pedrayo), tomo 2. Akal Editor, Madrid.

- Martín Galindo, J. L. (2006): La arquitectura vernácula. Diputación de Badajoz, Badajoz.

- Martínez Peñarroya, J. (1992): “De la casa de palos y ramas. Arquitectura tradicional de cubierta vegetal en España”, Antiquitas, nº3. Museo histórico municipal de Priego de Córdoba, Priego de Córdoba (Córdoba).

- Martínez Rodríguez, I. (1979): El hórreo gallego. Estudio geográfico. Fundación Barrié de la Maza, A Coruña.

- Rivas Quintas, E. (1996): Millo e hórreo. Legumia e cestos. Edicións Laiovento, Santiago de Compostela.

- Rodríguez Castro-Rial, R., Sánchez Rancaño, C. e Taboada Acevedo, R. (1996): Estudio de construcción rural en el camino de Santiago: Palas de Rei. Xunta de Galicia, Santiago de Compostela.

- Soraluce Blond, J. R. (2014): “O hórreo: patrimonio arquitectónico”, O hórreo: patrimonio arquitectónico, Monografías nº 152. Universidade da Coruña, A Coruña.