domingo, 31 de marzo de 2024

O uso da enerxía rexenerativa dos bosques para recuperación da Natureza (Terra. Auga. Aire)

 

O pasado 2 de marzo iniciamos un obradoiro moi interesante, impartido por Andrés Reboreda sobre: O uso da enerxía rexenerativa dos bosques para recuperación da Natureza. (Terra. Auga. Aire)

Forma parte da programación organizada polas Espigadoras e desenvolverase en 4 sesións, ás que se pode asistir de xeito individualizado. Se non ves a algunha non hai problema, contámosche o que fumos facendo e segues o proceso.

Trátase dunha práctica para “sembrar vida”, recolectando os microorganismos do bosque e “sembrándoos” despois para diseminar vida, rexenerar e aumentar a biodiversidade das nosas terras.

Todas as sesións son de 11:30h a 13:30h:

- Primeira sesión, 2 de marzo: Petición de permiso ao bosque e sementado de bolas de arroz para a recolección.

Fixemos bolas de arroz cocido que metemos en botes tapados cunha tela suxeita cunha goma e cuns buratiños. A continuación levámolos ao bosque e quedaron sobre o chan boca abaixo, debaixo da capa de follas, tapados da luz. Marcamos o sitio cun pau para ir recollelos cando pasen a lo menos 15 días.

Pasado este tempo observamos diferentes crecementos microbianos nas bolas de arroz, tal como se ve nas seguintes fotografías.

- Segunda sesión, 23 de marzo: Enerxía rexeneradora feminina. Primeira fermentación.

Recollimos os tarros do bosque e fixemos unha mestura coas bolas de arroz e varios ingredientes en auga para fomentar un proceso de fermentación e crecemento dos microorganismos.



A partir de agora esperámoste, anímate a seguir o proceso con nós. Temos unha garrafa de 20L na que está ocurrindo esa primeira fermentación. Na vindeira sesión seguiremos cunha segunda fermentación, e multiplicaremos o produto. Ao final repartirémolo para mellorar as nosas hortas, limpar augas, mellorar o funcionamento de fosas sépticas, etc.

- Terceira sesión, 6 de abril: A reprodución e o nacemento da rexeneración. Segunda fermentación.

- Cuarta, 20 de abril: Enerxía masculina. Expansión. Terceira fermentación

Contacto: asespigadoras@gmail.com ou Lola Tourón: 659286528.


lunes, 11 de marzo de 2024

Graciñas por acompañarnos durante o 2023

Ao longo de 2023 As Espigadoras continuamos as actividades que viñamos desenvolvendo en anos anteriores e algunhas novas.

Neste ano impartíronse 15 obradoiros en Caborrecelle e, por primeira vez, un en Recelle; así como a xornada de intercambio de sementes que repetimos todos os anos.
Temos que agradecer a excelente labor das mestras e mestres que nos acompañaron.
Compartimos aprendizaxe, conversas, diversión, comidas...

Tamén continuamos a nosa participación na Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, da Universidade de Santiago de Compostela, que pon en comunicación ao alumnado con asociacións que traballamos no rural cunha perspectiva de sostenibilidade, para promover unha colaboración interesante para ambas partes, cun formato de Aprendizaxe e Servizo.

No 2023 alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas realizaron para nós un plan estratéxico de comunicación.

Así mesmo, o documental Oficios para sempre. Traendo ao presente, elaborado como unha pequena mostra dalgúns oficios tradicionais que están en serio perigo de desaparición en Galicia e de como eses saberes formaban parte da cultura dun pobo e se facían imprescindibles para a vida das persoas, foi realizado por un grupo de alumnas e alumnos do Master en Dirección de Actividades Educativas na Natureza.

Aínda que pareza unha frase feita, é ben certo que nada disto sería posible sen a vosa participación. A de todas as persoas que nos acompañades nos obradoiros e as actividades, que propoñedes, que participades e que disfrutades con nós. Este é tamén o voso proxecto e esperamos seguir compartíndoo por moito tempo.


miércoles, 6 de marzo de 2024

MULLERES E SABERES TRADICIONAIS

Foto: Lola Tourón
 

Asumindo a definición da wikipedia, as artes e tradicións populares son as manifestacións materiais, artísticas e espirituais, transmitidas e creadas polo pobo.

O que nos parece interesante destacar é que estas tradicións interactuaban na dinámica social e desenvolvíanse en función das necesidades materiais e sociolóxicas das comunidades. Existían porque eran parte integrante e necesaria da vida das persoas e foron enriquecéndose cos coñecementos perfeccionados ao longo de xeracións. Toda esa riqueza está a piques de perderse coa desvalorización actual, o abandono do rural e certa cegueira soberbia dunha sociedade que asume como desenvolvemento o que máis ben se está a amosar como insostibilidade e destrozo.

Ao longo da Historia existen múltiples exemplos, en todo o mundo, de como as mulleres ficaron sendo as preservadoras dos saberes que a modernidade e o patriarcado despreza. Máis aínda, sabemos que o traballo, as capacidades, e ata o corpo das mulleres ven sendo controlado polos poderes de Estados, Iglesias e patriarcados ao uso. Mulleres libres, con coñecementos e saberes que escapaban á autoridade patriarcal foron queimadas por “bruxas”. En Calibán y la bruja1, destácase a necesaria subordinación das mulleres para o desenvolvemento do capitalismo.


Na información recopilada sobre a posición das mulleres na olería tradicional de Buño (que non difire do descrito noutras zonas oleiras de toda Galiza) descríbese unha división de tarefas en función do sexo: as mulleres tiñan adscritas as tarefas que precisan de paciencia e precisión mentres que aos homes se lles asignaban aquelas que teñen que ver coa forza e a toma de decisións. As tarefas das mulleres eran consideradas como auxiliares ás dos homes2.

A realidade non respondía totalmente a este modelo e as mulleres realizaban moitas tarefas duras e que requirían coñecementos precisos, como varias das que se lles asignaban nas coccións. Tiñan vetado o uso dos tornos para a creación das pezas, no que levaban o mérito os oleiros, pero na práctica realizaban algunhas pezas. Como ocorre en moitos outros ámbitos, a característica principal era a falta de valoración das tarefas das mulleres fronte ás dos homes.


Un estudio sobre desigualdade de xénero no sistema da arte en España, da historiadora da arte Marta Pérez Ibáñez, reflicte que as mulleres ocupan só o 27% dos catálogos das galerías e o prezo das súas obras é menor.

Esta situación ten motivado a creación de asociacións de mulleres como Blanco, Negro y Magenta, mulleres artistas que traballan no campo das artes visuais sobre o concepto de xénero a través de exposicións, tertulias e unha publicación propia3.

Na web de Cultura y Género recóllense numerosas asociacións e colectivos de mulleres na cultura, algunhas de ámbito internacional e tan coñecidas como EmPoderArte, asociación internacional de mulleres artistas.


Por outra banda, é necesario desmentir o estereotipo que se adoita ter desde os ámbitos urbanos dunha muller rural pasiva e desinteresada cando a realidade é que son axentes sociais activos na procura de melloras para a contorna que as rodea. Entenden a importancia do concepto de comunidade e por iso son maioría en case todas as asociacións que se crean no seu entorno ou que elas mesmas crean.


Na Galiza hai diferentes exemplos de traballos que tradicionalmente estiveron a cabalo entre a industria e a artesanía, como as redeiras, un traballo manual imprescindible para a industria da pesca y dificilmente sustituible por máquinas, realizado case na súa totalidade por mulleres en condicións difíciles, que poñían en risco a súa saúde. En 2004 constituíron a Federación Galega de Redeiras Artesás para reclamar visibilidade, recoñecemento e mellores condicións laborais.


O Consello da Cultura Galega considerou necesario por en valor o legado das tocadoras a través do proxecto Axudádeme a cantar, un conxunto de seis vídeos que buscan visibilizar o canto acompañado con percusión de man mantido polas mulleres que pasaban os coñecementos de xeración en xeración e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral da Galiza4.


Pero ademais, os espazos de traballo nos que as mulleres se xuntaban eran espazos de liberdade, tal como explicou a historiadora Encarna Otero nunha homenaxe ás lavandeiras celebrado en Compostela en marzo de 2017: “Sobre todo porque alí non había homes. Elas cantaban, rexoubaban, contaban contos, facían unha especie de terapia colectiva na que criticaban o mundo para o que elas lavaban: a igrexa, os señores..."5


Sara, coñecedora dos procesos da la e o liño desde sempre, comenta no documental das Espigadoras6 Oficios para sempre. Traendo ao presente, que o que máis lle gustaba era o “tascadeiro” do liño: “viñan moitas mulleres, e logo aproveitaban vir os mozos para tirarlle piropos ás que lle gustaban e contábanse contos, botábanse retrousos, cantábase e bailábase”. Eran espazos sociais e de lecer que se constituían ao redor de tarefas artesás compartidas polas mulleres.


Nun estudo sobre mulleres artesáns que se sitúan na periferia da actividade estable económica traballando nos mercados de venta directa ou tradicionais7, a autora sinala que “o mercado tradicional propiamente dito era un espazo puramente masculino, no tocante ós oficios artesanais. O papel das mulleres artesás era secundario ou reducido a oficios concretos relacionados principalmente coa venda de comida (excedentes domésticos). O papel artesá da muller no espazo de venda público non existía practicamente xa que, a venda da mercadoría das artesanías feminizadas (tecedeiras, palilleiras, etc), era unha venda privada ou directa ós clientes (ás casas, por encarga). O espazo de venda na feira, dende o punto de vista artesá e de oficios, era puramente masculino (zoqueiros, zapateiros, torneiros, telleiros, oleiros, etc)”.

Por esa razón indica que as mulleres valoran a conquista destes espazos como “unha forma de empoderamento da muller”.


No documental xa nomeado, Oficios para sempre. Traendo ao presente, Josefa Lombao, oleira de Bonxe, relata que “a muller, antes como agora, facía de todo”; a súa aboa, muller de carácter, ía a vender ás feiras as pezas que facía o seu marido, oleiro.


O estudo indicado anteriormente, aínda que feito no 2008, parécenos que na súa maioría segue a estar vixente. Sinala o “problema para as xeracións de mulleres que son recoñecidas e identificadas coma artesás, pero que aprenderon e exerceron a súa profesión no obradoiro informal e que, aínda querendo optar pola profesionalización oficial se topan de fronte cunha lexislación que non lles recoñece a actividade, tendo que acceder ás aulas a aprender de novo para ser recoñecidas administrativamente como artesás. Para superar esta situación estas mulleres, evitan o curso oficial e seguen desenvolvendo a súa actividade informalmente nun entorno xa conquistado onde non se cuestiona a súa actividade. A superación das barreiras de xénero son tan importantes coma a superación das barreiras administrativas. O desenvolvemento persoal das mulleres coma artesás pasa polo recoñecemento da súa actividade plenamente, sen limitacións nin condicionamentos, eliminando as barreiras temporais e puntuais da súa actividade trasladando as súas necesidades e opcións persoais a planos estables de actividade económica e laboral”.

A necesidade de cotizar á Seguridade Social unida a inestabilidade do mundo laboral, provocan a necesidade de buscar un emprego remunerado para afronta-los gastos da unidade doméstica. Isto unido os dados sobre as cargas familiares, provocan unha situación de inestabilidade laboral i económica nas mulleres artesás”.

O feito de ve-la artesanía coma un modo de vida, asociada a valores fortemente identitarios da cultura tradicional galega, non quita que non se valore o lado pragmático e utilitarista da mesma”.

As artesás entrevistadas pola autora sinalan que “tiñan que facer un réxime especial para os artesáns. Máis flexible. Tal e como está a artesanía hoxe en día non podes vivir desto”.

Por outra banda “no caso das artesás, existe una busca da sociabilidade con outras mulleres artesás, pero non se limita a un solo espazo senón que se estende máis aló da xornada festiva. O que vai reforza-la súa identidade coma artesás, pero tamén coma mulleres”.


Guadalupe Jiménez Esquinas, que realizou unha tese universitaria titulada Del paisaje al cuerpo: una crítica feminista de la patrimonialización del encaje en la Costa da Morte, destaca que “as mulleres xogaron un papel vital na conservación, mantemento e coidado da cultura, as tradicións, o popular, a vida social, a economía cotidiá, etc. Estes traballos foron considerados como parte das súas obrigas, son donacións invisibles. Porén, teñen repercutido no ben doutras persoas ou da sociedade en xeral. Estes traballos de coidado estanse a incrementar a medida que avanza a despoboación, terciarízase a economía, precarízanse os traballos e á vez increméntanse os patrimonios: cada vez haiis cousas que se consideran dignas de preservarse e de invertir nelas. Isto produce unha sobrecarga das mulleres e, á larga, prantexa unha insostibilidade do modelo. Nesta tese o que prantexo é a necesidade de contabilizar todas estas inversións e reclamar algún tipo de retorno”8.


Bibliografía:

1.- Federici, Silvia. Calibán y la bruja. Mujeres, cuerpo y acumulación originaria. Traficantes de sueños. Madrid, 2010.

2.- Artigo: Mulleres na olería de Buño. Memoria das tarefas asignadas e conquistadas (1940-2013). Da web Cultura Galega (Mulleres na olería de Buño | Álbum de mulleres | culturagalega.org)

3.- Torrente, Maite. Las mujeres en el arte: una historia de silencio, olvido y brecha de género aún por superar. Artigo publicado en “Público” (dixital). Madrid (06/02/2022).

4.- Artigo: 'Axudádeme a cantar': historias dunha literatura oral sostida por mulleres que ficaron invisibilizadas. Do xornal dixital Praza.gal (02/02/2023).

5.- Pérez Pena, Marcos. Artigo: Homenaxe ás lavandeiras: "Os espazos de traballo das mulleres eran espazos de liberdade". Do xornal dixital Praza.gal (16/03/2017).

6.- Caneiro Yáñez, Estefanía; Castro Fernández, María; García Méndez, Paula; Guardia Gamarra, Diego Alejandro; e Tejeda Alonso, Juan Manuel. O documental Oficios para sempre. Traendo ao presente recolle a testemuña de varios artesás tradicionais de oficios en perigo de desaparición en Galicia. Este traballo nace da colaboración entre a asociación As Espigadoras e alumnado da USC do Master en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, ao abeiro da “Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural”, que vincula a profesionais da educación/investigación e entidades que están a traballar no medio rural con perspectiva de sostenibilidade, co obxectivo de que o estudantado colabore cos colectivos ao tempo que aborde contidos educativos.

7.- Sánchez Pérez, Laura. Estudo final do Proxecto de investigación aplicada á situación empresarial das mulleres no ámbito da artesanía galega. Venta ambulante, traballo soterrado i economías persoais. Universidade da Coruña (2008).

8.- Una tesis del Incipit analiza los procesos de patrimonialización de la artesanía textil del encaje de Camariñas | Delegación del CSIC en Galicia

Lucía Medina Navarro

As Espigadoras

domingo, 3 de marzo de 2024

Documental "Oficios para sempre. Traendo ao presente"

 


O sábado 2 de marzo presentamos en Caborrecelle (Portomarín), nun dos espazos onde celebramos os obradoiros e as actividades das Espigadoras, o documental “Oficios para sempre. Traendo ao presente”.

Podedes velo completo aquí.

Trátase dunha pequena mostra dalgúns oficios tradicionais que están en serio perigo de desaparición en Galicia e de como eses saberes formaban parte da cultura dun pobo e se facían imprescindibles para a vida das persoas.

Este traballo nace da colaboración entre a asociación As Espigadoras e alumnado da USC do Master en Dirección de Actividades Educativas na Natureza. Trátase dun dos proxectos desenvoltos ao abeiro da “Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural”, que engloba a profesionais da educación/investigación e entidades que están a traballar no medio rural con perspectiva de sostenibilidade, co obxectivo de que o estudantado colabore cos colectivos ao tempo que aborde contidos educativos.

Agardamos que vos guste!



viernes, 23 de febrero de 2024

A cesteira que revive o rural de Lugo con formación sobre oficios

 


A aldea de Caborrecelle, en Portomarín, converteuse nun pequeno refuxio de resistencia da cultura galega.A cesteira Lola Tourón, a través da asociación As Espigadoras, iniciou un proxecto de formación de oficios tradicionais que «si ou si» tiña que asentarse no rural: «Era vital para nós que se fixese aquí porque toda a oferta está na cidade e as aldeas non teñen actividades». Dende que comezaron timidamente hai catro anos, pasaron máis de 400 persoas de toda Galicia para poder aprender oficios como a cestería, da que quedan apenas uns oito profesionais.

Leer o artigo completo en La Voz de Galicia.





sábado, 30 de diciembre de 2023

V Encontro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural

 

O V Encontro da Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural constituíu un capítulo máis da nosa colaboración con esta iniciativa tan interesante, chea de saberes e moi activa, que consegue conectar universidade e mundo rural, educación e sustentabilidade desde e para o rural.


Coma outras veces, presentáronse os últimos proxectos colaborativos realizados entre as asociacións e os/as universitarios/as participantes; fíxose un repaso do recorrido feito ata o de agora; dúas mesas redondas moi interesantes; e a presentación do libro "Arredor do rural. Comunidade de saberes e innovación socio-educativa":

"O documento, cun total de 29 autores, nace coa idea de deixar por escrito todas aquelas conclusións que ían xurdindo dentro do marco do proxecto Arredor do Rural. A iniciativa botou a andar co obxectivo de converterse nun espazo de encontro entre persoas que traballan en distintos ámbitos e, sobre todo, nunha ponte entre o coñecemento académico, propio das universidades, e o popular, ao que segundo o coordinador «non se lle da a importancia que merece».
A obra, publicada este 2023, pretende ser un compendio de diferentes visións que serva, entre outras cousas, para que o alumnado de estudos superiores vexa no rural un lugar no que poder traballar e desenvolver a súa vida: «As opcións de futuro sempre se expoñen mirando ao urbano e nós queremos construír unha visión alternativa»."

Achegámosvos o vídeo resumo da xornada.