sábado, 9 de abril de 2022

Aprendizaxe e Servizo en colaboración coa USC

A asociación As Espigadoras ten un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para a realización de programas de Aprendizaxe e Servizo entre a comunidade universitaria da USC. En concreto participamos nun proxecto que pretende traballar a conexión que as aulas educativas poden ter co seu entorno próximo para fomentar a aprendizaxe, da man de colectivos que traballen para mellorar o medio e a comunidade.

No marco desta colaboración acollimos dúas xornadas de traballo conxunto con varias alumnas de Formación do Profesorado, que dedicamos á execución de diversas obras de cestería para horta e espazos de lecer.

Disfrutamos moito da experiencia, avanzamos traballo e esperamos que ás alumnas implicadas lles teña servido de aprendizaxe e lles sexa útil para elaborar un proxecto de interese para a súa formación como futuras educadoras.

 




Damos as grazas a David, un dos responsables do programa, pola coordinación das actividades e as verbas que nos envía:

Na materia Educación en Contextos Rurais, impartida polas profesoras do GI-ESCULCA Carmela Cambeiro Lourido e David García Romero, puxemos en marcha un formato de prácticas seguindo a metodoloxía da aprendizaxe-servizo, na cal convidamos ao alumnado a participar con diferentes asociacións que actúan no medio rural en diferentes ámbitos.

Esta iniciativa é posible grazas ás relacións feitas na Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, e agardamos que sirva para que as futuras docentes aprendan a crear a súa práctica profesional en cohesión coas persoas que coidan a terra e as comunidades e que comparten o seu saber acumulado ao longo dos anos.

Agradecemos profundamente poder contar coa axuda das Espigadoras para este traballo, dando unha oportunidade de interacción humana e rica ao alumnado. Ao mesmo tempo, nesta relación, que debe ser de simbiose, tamén o alumnado contribúe en beneficio da asociación, aportando a súa enerxía e interese e tamén co realización dun traballo final que deseña como aproveitar o coñecemento e facer das Espigadoras en centros educativos.

A nosa esperanza como profesorado é ter fomentado unha relación mutuamente proveitosa e tela acompañado de maneira atenta e proveitosa.


 

No hay comentarios:

Publicar un comentario