Apoiar a tradición
non consiste en gardar
as cinzas nunha furna
senón en avivar a chama
Gustav Mahler (1860-1911)
Bonxe, como tantos outros lugares de Galicia, foi testemuña da tradición oleira que formou parte intrínseca e cotidiá da vida do noso país, fundida coa cultura e os usos da terra necesarios para alimentar a vida.
En Bonxe permanece unha única olería que permite coñecer a historia e a tradición oleira da zona. Pepa (Josefa Lombao) mantén o obradoiro e museo, así como os coñecementos transmitidos polo seu pai, Indalecio Lombao, e o resto de grandes cacharreiros que fixeron de Bonxe un centro oleiro digno de destacar.
A olería forma parte do patrimonio cultural do pobo galego e, nestes intres, fica en serio perigo de desaparición, á espera dunha especial protección necesaria e urxente.
As verbas de Manuel María, o gran poeta da Terra Cha, deixaron constancia para o mundo e o tempo, do valor do noso, da terra, da cultura do pobo e das persoas que a materializan, entre elas os oleiros e oleiras de Bonxe:
A Terra Cha somentes é:
un pobo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
Terra Cha (1954)
Manuel María
Estes dous povos, Bonxe e Silvarrei
tan soio teñen barro de boa lei.
As terras son malas, malas, malas
e de pouco ou de nada val labralas:
¡teñen barro somentes e barreiros!
¡No país non hai outros cacharreiros
que lle teñan ó seu oficio tanta lei
como as xentes de Bonxe e Silvarrei!
En Silvarrei non hai cacho nin cacharro
pois xa ninguén traballa o barro.
En Bonxe soiamente o Manuel de María
e o Indalecio sosteñen, día a día,
a tradición da vella alfarería
pola que digo, tristeiro, esta elexía
Poema Barro
Manuel María
...Agora eu estou lonxe. E teño señardás
dos berros, case ouveos, das lavercas;
do rumor do Anllo, do Lea e do Azúmara,
do Fabilus, do Ladra e máis do Támboga;
do gando que pace polas Brañas;
dos oleiros de Bonxe e Silvarrei;
dos zoqueiros de Loentia e Formarán;
e dos brutamontes, calados e solemnes,
que baixan, dende a Corda e San Simón
vender os queixos louvados a Vilalba
pondo unha nobre gravidade nos feirós...
Manuel María
Na Terra Cha todo é puro, elemental.
Homes silandeiros que non teñen
nen sequer palabras par cantar
e emigran tristeiros e calados
levando a outras terras o silencio
que lles deu a súa terra fatalmente.
Na Terra Cha as cousas nada falan:
a choiva, cai na terra sen máis nada;
o vento que ven do mar pasa ouveando
e o sol abrasa todo sen piedade
nos días abafantes do Vrao longo.
Mais a beleza grave das chairegas
-o seu van xentil como o do vimbio
e os seus ollos da cor das abelairas-
érguese impresionante en toda a Cha
versos do Canto á Terra Cha
Manuel María
...Eu amo a Terra Cha, sempre tan miña.
Eu amo a Terra Cha tal como é:
¡a súa seiva corre no meu sangue
e alúmame, a súa luz, o corazón!
Versos finais do Canto á Terra Cha
Manuel María
No hay comentarios:
Publicar un comentario