O presente texto forma parte da
investigación previa á realización do proxecto Olería de
Bonxe. Da tradición á modernidade, realizado por Lucía Medina,
para os estudos de Cerámica Artística da Escola Ramón Falcón, de
Lugo.
1.1.
DEFINICIÓN DE OLERÍA TRADICIONAL
Recollo
o que Herbert Read define como “olería tradicional dun pobo”,
referida a obxectos producidos por unha sociedade rural sen emprego
de métodos industriais, sempre tratándose de obxectos utilitarios,
cunha aplicación necesaria cara á subsistencia, pero tamén cunha
valoración estética comprendida nunha “arte aplicada”,
que brota dun “desexo de impartir cor e divertimento aos obxectos
de uso diario”1.
1.2.
CONTEXTO XEOGRÁFICO E HISTÓRICO
Entre
os municipios de Outeiro de Rei e Lugo desenvolveuse unha importante
área de oleiros-campesiños que, pola súa magnitude, constituíu
unha ben nomeada “terra de oleiros” que comprendía diferentes
aldeas, das que a produción ía dirixida aos mercados da Terra Cha,
Sarria, Ordes, Mesía e Melide, entre outros, e por moito tempo
cubriron as necesidades para o transporte de auga e de pezas para o
uso da casa para moita xente da cidade de Lugo. Probablemente como
consecuencia da importancia desa área campesiña e da existencia de
concas sedimentarias de arxilas de calidades plásticas,
desenvolveuse unha secular tradición oleira, da que o entronque
pérdese no tempo.
Algunhas
das barreiras que tradicionalmente utilizaban os oleiros de Bonxe
situábanse no límite da parroquia, preto de San Lourenzo de Aguiar,
e os nomes que aparecen actualmente aínda lembran estes usos: As
Rozas das Barreiras, As Barreiras.
En
1992 suxire F. Arias Vilas, no seu estudio sobre A Romanización
de Galicia, que as cerámicas de tradición castrexa fosen
asumindo elementos de influencia romana e, posteriormente,
xermánicas, iniciando así o fío condutor, se ben non lineal, da
cerámica e olería populares de Galicia.1
Como
afirma Josefa Rey Castiñeira, na seu relatorio sobre “Cerámica
castreña y alfarería tradicional. Comparaciones”, do XIV Congreso
de Ceramología2,
se ben resulta tentador tratar de establecer conexións
“histórico-directas” entre a cerámica castrexa e olería
tradicional, hai que ter en conta que as separan entre dezaseis e
dezanove séculos, dependendo das zonas, e que a cerámica non é un
fósil que se mantivera conservado ao longo do tempo, senón que se
trata dun oficio que se implanta, se transforma e desaparece co
oficiante e coas circunstancias socioeconómicas das comunidades ás
que pertencen. Pero, aínda que a comparación histórica directa non
é posible nin sería rigorosa, temos a posibilidade da analoxía
descontinua. O feito de compartir o mesmo espazo xeográfico supón
que existen unhas constantes que permanecen no tempo, xa que a
xeografía dun lugar determina en parte o xeito de vivir dunha
comunidade e vai modelando o carácter social e cultural das
poboacións.
En
Galicia a arqueoloxía infórmanos dunha variedade pequena de formas,
con dominio das vasillas altas e pechadas, tipo ola, na época
castrexa; pasando a unha enorme variedade de formas na época romana
con funcións domésticas, sociais, decorativas ou comerciais, e con
distintas calidades. Da época medieval existen moitos menos
vestixios; na Alta Idade Media hai un retroceso cara a unha cerámica
de ámbito local con formas máis limitadas e elaboración máis
tosca, pero a partir do séculos XII e XIII volve notarse unha
recuperación que continúa en séculos posteriores.3
A
olaría galega é fundamentalmente campesiña, e xorde por
necesidade. As vasillas metálicas que se utilizan nas cidades non
están ao alcance do campesiño galego que ten que conformarse coas
de barro, moito máis baratas e accesibles. Primeiro produciuse para
autoconsumo, despois, co torno alto e a mellora das técnicas, pódese
obter un excedente para a venda.
Conforme
se vai consolidando o oficio, xorden aldeas de oleiros, moitas delas
con varios obradoiros producindo, e chegan a coexistir máis de 20
zonas, cada unha coas súas características propias e diferentes das
demais.
Estes
núcleos xorden naqueles lugares onde se da o elemento máis
importante do proceso: o barro, onde existen barreiras con arxila en
cantidade abondosa e coas calidades necesarias para a súa
manipulación e cocción.
Na
última parte do século XIX prodúcese a maior expansión,
consecuencia dun aumento do nivel de vida no agro galego e o
conseguinte aumento da poboación, así como da actividade agrícola,
que tamén require útiles de barro. Pero unha expansión relativa,
porque o desenvolvemento desta actividade estivo determinado por dous
factores: o proceso produtivo e os límites á comercialización
dados polas dificultades do transporte, co que a venda a levaba a
cabo directamente o oleiro nas feiras e mercados próximos.
A
produción organizouse sempre de xeito artesanal, sin que chegasen a
existir nunca fábricas de olaría, como si as houbo, e moi
importantes, de louza.
Logo,
a mesma causa que provocou o seu desenvolvemento na segunda parte do
século XIX e primeira do século XX, vai determinar, paradoxalmente,
a súa decadencia a partir dos anos 50: a mellora do nivel de vida
que permite acceder a utensilios de metal. A chegada dos plásticos
fai o resto.4
A
olería de Bonxe está documentada como unha das máis antigas de
Galicia, que a principios do século XIX xa vendía cacharros en
Melide, Arzúa e Monterroso (ver, nos Anexos, o estudo realizado nos
anos 70 por Indalecio Lombao, pai de Josefa Lombao, actual oleira de
Bonxe).
A
principios do século XX era raro que existise unha casa na que non
houbese un oleiro, como consecuencia de que a terra era escasa e mala
e a propiedade dos bos terreos agrícolas estaba reunida en poucas
mans. En Bonxe a maioría dos homes dedicábanse ao barro e á
música, moitos eran oleiros e músicos. Aínda nos anos posteriores
á guerra, de sesenta casas que había na parroquia de San Mamede de
Bonxe, cincuenta e seis dedicábanse á olería.
A
partir dos anos 40, a aparición no mercado de materiais plásticos e
os cambios nas formas de vida, como a instalación de traídas de
auga, motivaron que moitos cacharreiros fosen abandonando a profesión
para pasar a outros oficios con aparencia de mellor futuro ou para
seguir os camiños da emigración.1
1.3.
ESTUDO DE FORTALEZAS E DEBILIDADES DA OLERÍA TRADICIONAL. O
CASO DE BONXE
Na
actualidade a olería tradicional permanece nuns poucos puntos do
noso territorio, como unha lembranza do pasado e como algo residual,
máis que como un oficio de futuro. As súas posibilidades económicas
de subsistencia resultan difíciles, o que obriga a estudar as causas
que están detrás desta situación e as posibilidades de melloras e
oportunidades que permitan a súa continuidade.
O
seguinte listado é unha aproximación aos aspectos máis positivos
ou valorados na olería tradicional e tamén aos que son un problema
ou que, a lo menos, sería bo mellorar para tentar que a produción
dunha olería tradicional teña máis presenza na sociedade actual.
Fortalezas:
Conservación
do patrimonio histórico e cultural de Galicia no referente á
olería tradicional de Bonxe.
Conservación
dos saberes e usos tradicionais.
Emprego
de materiais autóctonos.
Na
orixe era unha produción utilitaria.
Estética
das formas e proporcións da olería tradicional.
Aprecio
polos sabores da cociña lenta (“moda” slow) e o tacto do
barro.
Emprego
local: a olería tradicional adoita ser local e transmitida
localmente polo que o traballo que proporciona tamén adoita
quedarse na zona.
Debilidades:
Aínda
hai unha parte importante da poboación que descoñece a olería.
As
pezas cocidas en baixa temperatura son máis fráxiles e menos
duradeiras para o seu uso habitual.
As
pezas tradicionais xa non se consideran de uso, mércanse case só
como adorno.
Só
unha parte pequena da poboación aprecia a olería, para moitas
persoas é algo pasado e superado, que non ten encaixe na vida cotiá
actual.
Debido
ao anterior, os oficios tradicionais pérdense porque non son
rendibles.
Ideas
para reforzar as fortalezas:
Facer
un relato histórico que acompañe ás pezas.
Entrevista
a Josefa Lombao para recoller todos os coñecementos en torno ás
pezas e ao seu uso.
Procurar
información sobre o porqué das formas, as proporcións e os
deseños.
Procurar
información sobre a “moda” slow.
Recoller
información e opinións de cociñeiros ou persoas relacionadas coa
restauración que aprecien a cerámica.
Acordar
con algún restaurante o uso das pezas para probalas e
visibilizalas.
Reivindicar
das administracións públicas competentes a protección e
visibilización dos oficios tradicionais e do emprego local que
xeran.
Ideas
para minimizar as debilidades:
Investigar
xeitos de subirlle a temperatura á pasta e ao esmalte para obter
pezas máis resistentes.
Deseñar
pezas que poidan ter uso na actualidade sen saírse dos deseños
tradicionais. Historicamente en Bonxe foron creándose novas pezas
coas necesidades dos tempos, pero como ben di Luis Antonio Pazos
Franco4, as innovacións que se xeren deben ser dentro da
tradición, que sexan a súa evolución e, non como comeza a ocorrer
nalgunhas zonas, substituír radicalmente as antigas formas por
outras de serie, de imitación, con barros foráneos e uniformes.
Nestes
dous sentidos, Luis Antonio Pazos Franco comenta unha posible
demanda cara ás institucións competentes no senso de que se cre
unha certificación de “produto artesán de Galicia con valor
etnolóxico”.4
Visibilizar:
restaurantes, tendas, exposicións...
Facer
un panel de atmosfera: mostrar as pezas nun contexto actual pero
revalorizando os materiais e a artesanía tradicionais.
Reivindicar
fronte aos organismos públicos unha especial protección para a
artesanía e os saberes tradicionais que, como afirma Luis Antonio
Pazos Franco4, cómpre facela con urxencia, xa que logo
que desaparece o derradeiro oleiro dunha zona, vai ser case
imposible recuperala, pois faltará a guía, os depositarios da
ciencia que lles poidan ensinar aos que sigan.
1.4.
A FORMA, AS PROPORCIÓNS, A ESTÉTICA E O UTILITARISMO
Antes
de introducirnos de cheo nun proxecto deste tipo será necesario
estudar as formas tradicionais que desenvolveu a olaría nesta zona,
para poder partir dun coñecemento das razóns que levaron ao seu
deseño en cada momento histórico, tal como nós queremos facer
agora.
Herbert
Read define a olería como “a
máis sinxela e máis difícil das artes. A máis sinxela por
tratarse da máis elemental, e a máis difícil por ser, ao mesmo
tempo, ben abstracta”; e agrega que “esta arte está tan unida ás
necesidades elementais da cultura que o xenio dun pobo puido
encontrar expresión a través dela”1,2
En
toda actividade oleira existe unha orientación determinada nas
formas, na decoración e na funcionalidade das pezas, que dependen da
tradición de cada lugar, dos seus hábitos alimentarios, cultivos e
medios de vida, organización social e cultural e, en xeral, do seu
xeito de vida.
Os
obxectos que forman parte da cultura material dun pobo ou dunha
comunidade van reflectir todo isto.3
Desde
o material dunha 'pota' que, en expresión de Arthur Lane, é parte
da súa definición formal, ata as obstinadas e extravagantes
esixencias dos posibles compradores ou compradoras, deben formularse
de acordo co artesán do mundo rural.2
É
comunmente aceptado e descrito na bibliografía que as esixencias á
hora de mercar unha peza eran que resultara robusta, sobre todo as
destinadas a conter sólidos ou líquidos e cociñar, mentres que as
que servían para comer e beber debían ser manexables, cómodas, con
pouco peso e fáciles de limpar. De xeito que a valoración principal
dunha vasilla consiste no equilibrio conseguido entre o volume de
barro utilizado, que dará o peso final da peza, e a resistencia
óptima que se tenta obter.5
Na
mesma bibliografía consultada admítese como un desexo xeralizado
nos oleiros e oleiras, o de lograr vasillas esveltas partindo dunha
base proporcionalmente reducida, sin que isto comprometa a esixida
estabilidade da peza.
Este
desexo de perfección nas formas chocaría co interese utilitario da
clientela cara aos aspectos prácticos de estabilidade e fortaleza
dos cacharros, que se conseguirá con bases grandes e paredes grosas.
Porén, nos mesmos textos recollen expresións como “a gracia” ou
“a caída” da peza para definir a estima que desperta un cacharro
conforme á súa forma e proporcións, o que indica que o
utilitarismo podería estar parcialmente equilibrado, a lo menos
nunha parte da clientela, co sentido estético das formas conseguidas
polos oleiros máis expertos. Estes sempre foron conscientes de que
cando tornean un cacharro poden modificar altura, anchura, forma,
proporcións e outros elementos formais, pero só ata un certo
límite, a partir do cal deixaría de cumprir a súa función
utilitaria.
No
caso das pezas de Bonxe presentan unha clara tendencia á forma de
pera invertida ou morfoloxía piriforme. En xeral, as vasillas altas
e pechadas, que son as dominantes, presentan un pescozo estreito,
ombreiros altos e ben marcados, unha panza que vai diminuíndo
progresivamente o seu diámetro ata a base, e esta nunca supera o
diámetro da boca agás no caso da nateira por razóns de
estabilidade.3
No
tema das proporcións, existen estudos feitos sobre pezas cerámicas
de diferentes épocas e procedencias6, que demostran unha
tendencia clara e repetitiva a cumprir proporcións áureas, o mesmo
que ocorre en multitude de exemplos na natureza.
Abundantes mostras de investigacións
arqueolóxicas e etnográficas demostran que esas proporcións non
son patrimonio exclusivo dos gregos clásicos e dos seus mestres
exipcios, como se viña relacionando, debido a que parecía que
debían xurdir de coñecementos avanzados de aritmética e xeometría.
Esas proporcións atópanse en pezas de cerámica rescatadas en
tumbas e outras escavacións procedentes da Idade de Bronce, por
exemplo, que preceden en mil anos ao florecemento da aritmética e a
xeometría clásicas gregas.
1.4.1.
OS PORQUÉS DAS FORMAS TRADICIONAIS
Cada
vasilla ten unha forma determinada acorde ao uso para o que estea
destinada.
Como
explica Luciano García Alén5, o máis natural e
elemental vaso é a man en actitude de concavidade, por iso a cunca é
unha das formas máis básicas desde os comezos da olería: ante un
bolo de arxila, premendo cun dedo e creando un oco no bolo, definimos
unha forma inicial que nos permite usar a dimensión espacial dun
oco. As primeiras potas de arxila de moitas culturas son semellantes
a isto.
As
olas teñen unha configuración esferoidal, son “barrigonas”, e
troncocónicas da metade para abaixo, estreitándose na base ou cu da
ola, o que, segundo García Alén, dálles unha característica
elegancia.1
En
xeral as bocas das pezas adoitan ser de tamaño suficiente para
permitir o lavado interior, sen que sexa tan ampla que comprometa a
estabilidade da peza.
En
Galicia tradicionalmente non existían cacharros de boca moi
estreita, ata que chegou certa influencia da cerámica árabe.2
Bordes,
asas e decoracións son tamén característicos de cada tipo de
cacharro e de cada zona oleira, se ben a ornamentación estivo sempre
moi condicionada polo valor económico que se lle puidera sacar á
peza e, polo tanto, ao tipo de cliente ao que iba dirixida.
Non
se poden entender totalmente as razóns das pezas e das súas formas,
sen coñecer os costumes das xentes que as utilizaban. Por exemplo,
nas cuncas, a forma semiesférica cunha base moi pequena responde a
que se utilizaban sostidas na man e non apoiadas na mesa, posto que
era habitual comer ao redor da lareira, sen mesa. Do mesmo xeito,
Josefa Lombao, a actual
oleira de Bonxe,
fai fincapé nunha peza como a cacheleira, que parece case que un
luxo se só se utilizara para escoar os cachelos. Porén a
cacheleira cos cachelos colocábase sobre unhas pallas no medio dos
comensais, que collían as patacas para comelas xunto co que
tiñan na súa cunca, que sostiñan na man. Ademais a cacheleira
colocada enriba da pota coa auga da cocción, permitía que o vapor
as mantivera quentes.
Josefa
Lombao tamén nos lembra que, no manexo de líquidos, as pezas máis
pechadas son moito mellores porque non os derraman con facilidade. É
o caso da ola, panzuda e de boca moito máis pechada, o que permitía
que no transporte da auga desde a fonte, sobre a cabeza ou collida co
brazo, non vertera o líquido que levaba.
Comenta
que ten visto fotos antigas das mulleres indo por auga á fonte e
víanse moitas máis olas que sellas, por exemplo. A sella tíñase
normalmente no vertedoiro coa auga limpa.
Por
outra banda, as formas redondeadas son máis resistentes, non rompen
tan facilmente como as máis abertas ou outras formas non
redondeadas.
Ademais
a forma troncocónica e barriguda con pouca base fai que o
líquido que contén descanse en toda a parede, en vez de ser unha
columna lineal que repouse todo o seu peso na base do cacharro, isto
tamén contribúe á súa resistencia.
Tamén
resultan máis resistentes á hora de cocelas nun forno tradicional,
no que os cacharros se van colocando uns enriba dos outros nunha
cantidade nada desprezable. As pezas redondeadas permiten que o calor
pase entre elas, e isto fai que sexan moito mellores para enfornar.
Os pratos ou as cazolas, por exemplo, cortan moito máis a
circulación do lume e isto hai que telo en conta á hora de
distribuír as pezas no forno. Os cacharros grandes e redondeados
adoitaban poñerse debaixo, coa boca cara abaixo, e íanse enchendo
ocos entre eles con outras pezas máis pequenas, evitando que quedara
moi pechado, para que
“respire”.
Segundo
o que comenta Josefa Lombao hai que ter en conta, tamén, que as
pezas que se puñan no chan e tiñan moita base ían collendo
humidade e crecementos de fungos e bacterias con máis facilidade.
Como moitas pezas grandes se colocaban no chan, era importante que
tiveran a base estreita, para que o contido estivera na menor medida
posible en contacto co chan a través da base do cacharro.
No
museo existente na Olería de Bonxe obsérvase a adaptación das
pezas á forma de uso: as pezas con tres pés, que se utilizaban na
lareira sobre o lume directo, evolucionaron necesariamente a formas
similares pero sen pés, coa base recta, cando nas casas se
instalaron as cociñas de leña. Incluso se ve o aproveitamento das
pezas en bo estado ás que se lle cortaron os pés para seguir
utilizándoas na nova cociña.
1.4.2.
AS FORMAS DE BONXE. ALGÚNS EXEMPLOS
Descoñécese
como se iniciou a olería na zona de Bonxe e cales serían as
primeiras formas coas que se traballou, pero está claro que estas
formas sufriron unha evolución ao longo do tempo e foron
introducíndose novas incorporacións.
Os
recipientes que se consideran tradicionais ou formas iniciais son os
que teñen morfoloxía documentada antes de iniciarse o comercio con
Oriente e América e que responden a necesidades básicas do xeito de
vida e da economía da zona.3
-
A OLA
A
ola está considerada a peza máis representativa da olería de
Bonxe. Ten precedentes na época castrexa e continúa durante os
períodos romano e medieval ata chegar aos nosos días. Presenta un
elemento que a diferencia do conxunto de Bonxe: un reforzo na base do
bordo. Este elemento funcional aparece por primeira vez en
recipientes de características similares dos séculos XIII-XIV. A
ola fabricábase en distintos tamaños, unha de 8 litros e outra de
16 litros; esta última era unha medida de viño e era a máis
habitual. A súa primeira función era a de gardar viño e ir coller
auga, pero co paso do tempo tamén se usou para gardar leite e mesmo
para mazala, como se fora unha nateira, o que xustifica a presenza
dese reforzo no bordo.3
Como
comenta Josefa Lombao, o reforzo tamén
era útil no manexo, xa que non tiña asas.
Tamén
nos lembra que a ola servía para medir líquidos, por iso se facía
dunha capacidade determinada, non só para transportalos ou
conservalos.
-
A SELLA
Formas
moi diferentes cun uso similar de transporte e conservación da auga,
como a sella, débense a que xorden por imitación das sellas de
madeira e de aros de latón.
No
noso medio xeográfico e cultural a madeira predominou sobre a arxila
como material para a construción de útiles empregados na área
campesiña e para o seu uso nas casas, sobre todo nos núcleos de
maior densidade de poboación. Por iso, nos casos en que se
substituíu a madeira pola arxila, os oleiros copiaban as formas.5
Lucíano
García Alén comenta que quizais se tendía a seguir as modas
burguesas, pero o caso era que na aldea había máis apego aos
envases de barro e que ademais eran máis económicas e dicíase que
a auga no barro conservábase mellor, sen gusto a madeira. E parece
que se aseguraba que o de copiar as formas das sellas de madeira era
por máis fachenda.1
-
A CAZOLA DO LEITE
Trátase
dun recipiente moito menos esvelto que o anterior destinado a facer o
leite callado, para a elaboración de queixo.
A
súa forma non é allea á tradición oleira de Galicia. Recipientes
similares aparecen na cidade de Lugo e a súa contorna nos séculos
III e IV.
Era
unha peza moi solicitada porque dicían que “o leite facía máis
cabeza (tona)”3, polo que novamente parece que a forma
da peza é o resultado dunha necesidade utilitarista, que ao quedar
ben resolta permite unha boa venda para o oleiro.