lunes, 14 de febrero de 2022

Entrevista a Josefa Lombao. Oleira de Bonxe.

 


A presente entrevista foille realizada a Josefa Lombao en outubro de 2016, no contexto da investigación previa realizada por Lucía Medina para o seu proxecto Olería de Bonxe. Da tradición á modernidade, realizado para os estudos de Cerámica Artística da Escola Ramón Falcón, de Lugo.







Fai o teu listado de pros, cousas positivas, e de contras, ou problemas, que ti lle vexas actualmente á olería tradicional.


Nas cousas positivas, o máis importante é que é parte da nosa cultura.

Despois, que todo o traballo se fai con materiais autóctonos, e que era un traballo cun obxectivo utilitario.

En canto aos contras, que teríamos que facer axustes, como subir un pouquiño a temperatura de cocción do material e dos esmaltes para conseguir pezas máis resistentes, e así facer unha evolución, sen perder de vista o que foi a olería tradicional, obter un produto que se use hoxe en día.


Á hora de pensar no mercado inflúen as modas?

 

A min as modas non me preocupan. Eu creo que é algo subxectivo, que cada persoa ten o seu gusto, pode estar influenciada polo que sexa, ou ser creativa á súa maneira, pero o que non se pode perder é a identidade.


Pero quizáis iso actualmente non é o que máis se valora, senón que se vai máis ao práctico?


Bueno, porque vivimos nun mundo globalizado que vai por outros “derroteiros”. Sen embargo, eu penso que sí, que ten o seu valor e que é bastante importante.


Entón poida que fallemos na transmisión diso? Ti fas moita labor aquí co museo de pezas tradicionais, e toda a xente que ven queda encantada...


Iso está moi ben para que vexan como é unha olería, pero estaslles a contar unha historia doutro tempo, non é a súa historia, non é unha historia actual.


Entón non estamos facéndoo ben para que ese público volva a mercar e usar olería?


Eu penso que só se volvería a usar o barro como se usou, ...bueno, penso que nunca se vai volver usar así, pero para usarse agora sería dunha forma elitista, para os que teñen maior poder adquisitivo, cunhas pezas moi ben vendidas, con todo o seu proceso como valor engadido ...ou que haxa unha “ecatombe” e teñamos que volver a usalo por necesidade, pero iso xa sería outra cousa.

Quizáis o que hai que facer, por exemplo en colaboración con deseñadores, é facer pezas que teñan uso actualmente, pero que sigan a ter a esencia da olería. É complicado.


Esa parte das formas e do deseño é o que parece máis difícil. Un prato é un prato, e xa hai un montón de pratos bonitos e resistentes no mercado. Se ti fas un prato bon, resistente e bonito, aínda así terás que competir con todos os demais que xa hai no mercado.


Eu penso que a única maneira de vendelo é non perdendo a raíz, e deixando claro o que ten engadido. Non venden a muralla? Pois sería o mesmo.


Estás entrando no que sería un apoio ao noso patrimonio cultural. Estás vendendo isto máis que o prato en si?


Sí, e sería máis ben para un cliente con poder adquisitivo.

Aínda que tamén hai quen lle gusta tomar o caldo nas cuncas, sábelle mellor. Ese tamén é un cliente potencial, pero tamén a ese hai que saber venderllo e darlle valor.


Enlazando cos “contras”, a xente adoita preguntar se aguantan o microondas, o lavavaixelas, etc.?


Sí. Sería importante conseguir unhas pezas máis resistentes.


Un tema importante antes de poñerse a deseñar é coñecer os porqués das formas. Na bibliografía explica como son pero non por que son así. A ver se imos sacando algunhas cousas que ti saibas sobre isto. Por exemplo, a ola e a sella son para conter líquidos e teñen formas completamente opostas.


As sellas son distintas porque son unha copia das que había de madeira e metal.

Pero en xeral, en olería tradicional non se fan esas bases tan anchas, porque as pezas tan abertas son moito máis fráxiles.

No manexo as pezas máis pechadas son moito mellores porque non se derraman tan facilmente os líquidos, con esa panza que ten a ola e logo a boca moito máis pechada, co movemento cando ían por auga á fonte, por exemplo, que podían levalas na cabeza ou collida co brazo, non se verte tan facilmente o líquido que vai dentro.

De feito eu teño visto fotos antigas das mulleres indo por auga á fonte e víanse moitas máis olas que sellas. Logo a sella tíñase no fregadeiro coa auga limpa.

E despois, as formas redondeadas son máis resistentes, non rompen tan facilmente como as máis abertas ou outras formas non redondeadas. E tamén eran máis resistentes á hora de colocalas no forno tradicional a cocer.


Eu buscáballe unha razón estética, pero as que me dis son utilitarias, que é tamén no que máis se insiste na bibliografía.


Bueno, a estética tamén existía. Nos tempos peores, cando había máis necesidade, íase ao práctico, ao máis resistente e nada máis, pero tamén a xente comentaba: mira aquela oliña, que bonita, coa barriguiña alta, non caída...


A ola ten un reforzo no borde. Para suxeitala pola boca, ao non ter asas? Para usala como nateira, tal como comenta algún autor?


Sí, para todo iso. E iso tamén a fai máis complicada de facer. Xa é unha peza moi complicada, e ademais cando chegas arriba aínda te ten que quedar barro para facerlle o reforzo.


Lembras algunha outra cousa que saibas polo teu pai ou por outro oleiro, con respecto a isto das formas?


As formas veñen moi definidas polas necesidades, polos usos que lle daban ás pezas, por como se vivía. Por exemplo, hai que pensar como eran as cociñas, que tiñan a lareira e un escano e, ao mellor, había unha mesa e pouco máis.

A xente ás veces pregunta o porqué dunha peza como a cacheleira, por qué había unha peza tan específica. Por un lado as patacas eran unha comida básica, facíanse cachelos case todos os días, e púñanse na cacheleira non só para escurrilos, senón que xa se colocaban nela, enriba dunhas pallas no medio dos comensales que os collían directamente da cacheleira para a súa cunca. Era moi demandada porque se usaba moito, era práctica naquel entorno, non sería práctica para poñela directamente enriba dunha mesa, e sería un luxo para moitas casas tela só para escurrir.

Nas outras olerías había moitas pezas que eran tamén as mesmas que había aquí, porque se usaban en todas partes, porque están relacionadas co xeito de vivir.


Pero que foran necesarias esas pezas non explica o porqué da súa forma. Poderían existir igualmente e ser útiles e ter outras formas.


Pero sí que hai razóns. Por exemplo, pezas que se poñan no chan e teñan moita base van collendo humidade e crecementos de fungos e bacterias. E antes nas casas moitos cacharros estaban colocados polo chan.


Isto que dis lémbrame ás ánforas que se usaban para transportar e gardar líquidos, rematadas na base en pico e que se colocaban en buratos ou suxeccións. Non tocaban o chan.


En moitos sitios os contedores de viño van postos tamén sobre unha suxección de madeira.


Isto ten relación con que moitas pezas tendan a ter o cu estreito e barriga?


O cu estreito e a barriga afectan en moitos outros puntos. Cando se move non derrama o líquido con tanta facilidade. Tamén pola maneira de cocelos, porque nos fornos tradicionais os cacharros colócanse amontoados, e as pezas redondeadas permiten que o calor pase entre elas, e isto fai que sexan moito mellores para enfornar; os pratos ou as cazolas, por exemplo, cortan moito máis a circulación do lume e tes que saber colocalas ben para que non pase iso. Os cacharros grandes e redondeados adoitaban poñerse debaixo, coa boca cara abaixo, e íanse enchendo ocos entre eles con outras pezas máis pequenas; non pode quedar moi pechado, ten que respirar.



No hay comentarios:

Publicar un comentario