lunes, 14 de febrero de 2022

Olería de Bonxe. Da tradición á modernidade

O presente texto forma parte da investigación previa á realización do proxecto Olería de Bonxe. Da tradición á modernidade, realizado por Lucía Medina, para os estudos de Cerámica Artística da Escola Ramón Falcón, de Lugo.


1.1. DEFINICIÓN DE OLERÍA TRADICIONAL

Recollo o que Herbert Read define como “olería tradicional dun pobo”, referida a obxectos producidos por unha sociedade rural sen emprego de métodos industriais, sempre tratándose de obxectos utilitarios, cunha aplicación necesaria cara á subsistencia, pero tamén cunha valoración estética comprendida nunha “arte aplicada”, que brota dun “desexo de impartir cor e divertimento aos obxectos de uso diario”1.

1.2. CONTEXTO XEOGRÁFICO E HISTÓRICO

Entre os municipios de Outeiro de Rei e Lugo desenvolveuse unha importante área de oleiros-campesiños que, pola súa magnitude, constituíu unha ben nomeada “terra de oleiros” que comprendía diferentes aldeas, das que a produción ía dirixida aos mercados da Terra Cha, Sarria, Ordes, Mesía e Melide, entre outros, e por moito tempo cubriron as necesidades para o transporte de auga e de pezas para o uso da casa para moita xente da cidade de Lugo. Probablemente como consecuencia da importancia desa área campesiña e da existencia de concas sedimentarias de arxilas de calidades plásticas, desenvolveuse unha secular tradición oleira, da que o entronque pérdese no tempo.

 

 Algunhas das barreiras que tradicionalmente utilizaban os oleiros de Bonxe situábanse no límite da parroquia, preto de San Lourenzo de Aguiar, e os nomes que aparecen actualmente aínda lembran estes usos: As Rozas das Barreiras, As Barreiras.

En 1992 suxire F. Arias Vilas, no seu estudio sobre A Romanización de Galicia, que as cerámicas de tradición castrexa fosen asumindo elementos de influencia romana e, posteriormente, xermánicas, iniciando así o fío condutor, se ben non lineal, da cerámica e olería populares de Galicia.1

Como afirma Josefa Rey Castiñeira, na seu relatorio sobre “Cerámica castreña y alfarería tradicional. Comparaciones”, do XIV Congreso de Ceramología2, se ben resulta tentador tratar de establecer conexións “histórico-directas” entre a cerámica castrexa e olería tradicional, hai que ter en conta que as separan entre dezaseis e dezanove séculos, dependendo das zonas, e que a cerámica non é un fósil que se mantivera conservado ao longo do tempo, senón que se trata dun oficio que se implanta, se transforma e desaparece co oficiante e coas circunstancias socioeconómicas das comunidades ás que pertencen. Pero, aínda que a comparación histórica directa non é posible nin sería rigorosa, temos a posibilidade da analoxía descontinua. O feito de compartir o mesmo espazo xeográfico supón que existen unhas constantes que permanecen no tempo, xa que a xeografía dun lugar determina en parte o xeito de vivir dunha comunidade e vai modelando o carácter social e cultural das poboacións.

En Galicia a arqueoloxía infórmanos dunha variedade pequena de formas, con dominio das vasillas altas e pechadas, tipo ola, na época castrexa; pasando a unha enorme variedade de formas na época romana con funcións domésticas, sociais, decorativas ou comerciais, e con distintas calidades. Da época medieval existen moitos menos vestixios; na Alta Idade Media hai un retroceso cara a unha cerámica de ámbito local con formas máis limitadas e elaboración máis tosca, pero a partir do séculos XII e XIII volve notarse unha recuperación que continúa en séculos posteriores.3

A olaría galega é fundamentalmente campesiña, e xorde por necesidade. As vasillas metálicas que se utilizan nas cidades non están ao alcance do campesiño galego que ten que conformarse coas de barro, moito máis baratas e accesibles. Primeiro produciuse para autoconsumo, despois, co torno alto e a mellora das técnicas, pódese obter un excedente para a venda.

Conforme se vai consolidando o oficio, xorden aldeas de oleiros, moitas delas con varios obradoiros producindo, e chegan a coexistir máis de 20 zonas, cada unha coas súas características propias e diferentes das demais.

Estes núcleos xorden naqueles lugares onde se da o elemento máis importante do proceso: o barro, onde existen barreiras con arxila en cantidade abondosa e coas calidades necesarias para a súa manipulación e cocción.

Na última parte do século XIX prodúcese a maior expansión, consecuencia dun aumento do nivel de vida no agro galego e o conseguinte aumento da poboación, así como da actividade agrícola, que tamén require útiles de barro. Pero unha expansión relativa, porque o desenvolvemento desta actividade estivo determinado por dous factores: o proceso produtivo e os límites á comercialización dados polas dificultades do transporte, co que a venda a levaba a cabo directamente o oleiro nas feiras e mercados próximos.

A produción organizouse sempre de xeito artesanal, sin que chegasen a existir nunca fábricas de olaría, como si as houbo, e moi importantes, de louza.

Logo, a mesma causa que provocou o seu desenvolvemento na segunda parte do século XIX e primeira do século XX, vai determinar, paradoxalmente, a súa decadencia a partir dos anos 50: a mellora do nivel de vida que permite acceder a utensilios de metal. A chegada dos plásticos fai o resto.4

A olería de Bonxe está documentada como unha das máis antigas de Galicia, que a principios do século XIX xa vendía cacharros en Melide, Arzúa e Monterroso (ver, nos Anexos, o estudo realizado nos anos 70 por Indalecio Lombao, pai de Josefa Lombao, actual oleira de Bonxe).

A principios do século XX era raro que existise unha casa na que non houbese un oleiro, como consecuencia de que a terra era escasa e mala e a propiedade dos bos terreos agrícolas estaba reunida en poucas mans. En Bonxe a maioría dos homes dedicábanse ao barro e á música, moitos eran oleiros e músicos. Aínda nos anos posteriores á guerra, de sesenta casas que había na parroquia de San Mamede de Bonxe, cincuenta e seis dedicábanse á olería.

A partir dos anos 40, a aparición no mercado de materiais plásticos e os cambios nas formas de vida, como a instalación de traídas de auga, motivaron que moitos cacharreiros fosen abandonando a profesión para pasar a outros oficios con aparencia de mellor futuro ou para seguir os camiños da emigración.1

1.3. ESTUDO DE FORTALEZAS E DEBILIDADES DA OLERÍA TRADICIONAL. O CASO DE BONXE

Na actualidade a olería tradicional permanece nuns poucos puntos do noso territorio, como unha lembranza do pasado e como algo residual, máis que como un oficio de futuro. As súas posibilidades económicas de subsistencia resultan difíciles, o que obriga a estudar as causas que están detrás desta situación e as posibilidades de melloras e oportunidades que permitan a súa continuidade.

O seguinte listado é unha aproximación aos aspectos máis positivos ou valorados na olería tradicional e tamén aos que son un problema ou que, a lo menos, sería bo mellorar para tentar que a produción dunha olería tradicional teña máis presenza na sociedade actual.

Fortalezas:

  • Conservación do patrimonio histórico e cultural de Galicia no referente á olería tradicional de Bonxe.

  • Conservación dos saberes e usos tradicionais.

  • Emprego de materiais autóctonos.

  • Na orixe era unha produción utilitaria.

  • Estética das formas e proporcións da olería tradicional.

  • Aprecio polos sabores da cociña lenta (“moda” slow) e o tacto do barro.

  • Emprego local: a olería tradicional adoita ser local e transmitida localmente polo que o traballo que proporciona tamén adoita quedarse na zona.

Debilidades:

  • Aínda hai unha parte importante da poboación que descoñece a olería.

  • As pezas cocidas en baixa temperatura son máis fráxiles e menos duradeiras para o seu uso habitual.

  • As pezas tradicionais xa non se consideran de uso, mércanse case só como adorno.

  • Só unha parte pequena da poboación aprecia a olería, para moitas persoas é algo pasado e superado, que non ten encaixe na vida cotiá actual.

  • Debido ao anterior, os oficios tradicionais pérdense porque non son rendibles.

Ideas para reforzar as fortalezas:

  • Facer un relato histórico que acompañe ás pezas.

  • Entrevista a Josefa Lombao para recoller todos os coñecementos en torno ás pezas e ao seu uso.

  • Procurar información sobre o porqué das formas, as proporcións e os deseños.

  • Procurar información sobre a “moda” slow.

  • Recoller información e opinións de cociñeiros ou persoas relacionadas coa restauración que aprecien a cerámica.

  • Acordar con algún restaurante o uso das pezas para probalas e visibilizalas.

  • Reivindicar das administracións públicas competentes a protección e visibilización dos oficios tradicionais e do emprego local que xeran.

Ideas para minimizar as debilidades:

  • Investigar xeitos de subirlle a temperatura á pasta e ao esmalte para obter pezas máis resistentes.

  • Deseñar pezas que poidan ter uso na actualidade sen saírse dos deseños tradicionais. Historicamente en Bonxe foron creándose novas pezas coas necesidades dos tempos, pero como ben di Luis Antonio Pazos Franco4, as innovacións que se xeren deben ser dentro da tradición, que sexan a súa evolución e, non como comeza a ocorrer nalgunhas zonas, substituír radicalmente as antigas formas por outras de serie, de imitación, con barros foráneos e uniformes.

  • Nestes dous sentidos, Luis Antonio Pazos Franco comenta unha posible demanda cara ás institucións competentes no senso de que se cre unha certificación de “produto artesán de Galicia con valor etnolóxico”.4

  • Visibilizar: restaurantes, tendas, exposicións...

  • Facer un panel de atmosfera: mostrar as pezas nun contexto actual pero revalorizando os materiais e a artesanía tradicionais.

  • Reivindicar fronte aos organismos públicos unha especial protección para a artesanía e os saberes tradicionais que, como afirma Luis Antonio Pazos Franco4, cómpre facela con urxencia, xa que logo que desaparece o derradeiro oleiro dunha zona, vai ser case imposible recuperala, pois faltará a guía, os depositarios da ciencia que lles poidan ensinar aos que sigan.

1.4. A FORMA, AS PROPORCIÓNS, A ESTÉTICA E O UTILITARISMO

Antes de introducirnos de cheo nun proxecto deste tipo será necesario estudar as formas tradicionais que desenvolveu a olaría nesta zona, para poder partir dun coñecemento das razóns que levaron ao seu deseño en cada momento histórico, tal como nós queremos facer agora.

Herbert Read define a olería como “a máis sinxela e máis difícil das artes. A máis sinxela por tratarse da máis elemental, e a máis difícil por ser, ao mesmo tempo, ben abstracta”; e agrega que “esta arte está tan unida ás necesidades elementais da cultura que o xenio dun pobo puido encontrar expresión a través dela”1,2

En toda actividade oleira existe unha orientación determinada nas formas, na decoración e na funcionalidade das pezas, que dependen da tradición de cada lugar, dos seus hábitos alimentarios, cultivos e medios de vida, organización social e cultural e, en xeral, do seu xeito de vida.

Os obxectos que forman parte da cultura material dun pobo ou dunha comunidade van reflectir todo isto.3

Desde o material dunha 'pota' que, en expresión de Arthur Lane, é parte da súa definición formal, ata as obstinadas e extravagantes esixencias dos posibles compradores ou compradoras, deben formularse de acordo co artesán do mundo rural.2

É comunmente aceptado e descrito na bibliografía que as esixencias á hora de mercar unha peza eran que resultara robusta, sobre todo as destinadas a conter sólidos ou líquidos e cociñar, mentres que as que servían para comer e beber debían ser manexables, cómodas, con pouco peso e fáciles de limpar. De xeito que a valoración principal dunha vasilla consiste no equilibrio conseguido entre o volume de barro utilizado, que dará o peso final da peza, e a resistencia óptima que se tenta obter.5

Na mesma bibliografía consultada admítese como un desexo xeralizado nos oleiros e oleiras, o de lograr vasillas esveltas partindo dunha base proporcionalmente reducida, sin que isto comprometa a esixida estabilidade da peza.

Este desexo de perfección nas formas chocaría co interese utilitario da clientela cara aos aspectos prácticos de estabilidade e fortaleza dos cacharros, que se conseguirá con bases grandes e paredes grosas. Porén, nos mesmos textos recollen expresións como “a gracia” ou “a caída” da peza para definir a estima que desperta un cacharro conforme á súa forma e proporcións, o que indica que o utilitarismo podería estar parcialmente equilibrado, a lo menos nunha parte da clientela, co sentido estético das formas conseguidas polos oleiros máis expertos. Estes sempre foron conscientes de que cando tornean un cacharro poden modificar altura, anchura, forma, proporcións e outros elementos formais, pero só ata un certo límite, a partir do cal deixaría de cumprir a súa función utilitaria.

No caso das pezas de Bonxe presentan unha clara tendencia á forma de pera invertida ou morfoloxía piriforme. En xeral, as vasillas altas e pechadas, que son as dominantes, presentan un pescozo estreito, ombreiros altos e ben marcados, unha panza que vai diminuíndo progresivamente o seu diámetro ata a base, e esta nunca supera o diámetro da boca agás no caso da nateira por razóns de estabilidade.3

No tema das proporcións, existen estudos feitos sobre pezas cerámicas de diferentes épocas e procedencias6, que demostran unha tendencia clara e repetitiva a cumprir proporcións áureas, o mesmo que ocorre en multitude de exemplos na natureza.

Abundantes mostras de investigacións arqueolóxicas e etnográficas demostran que esas proporcións non son patrimonio exclusivo dos gregos clásicos e dos seus mestres exipcios, como se viña relacionando, debido a que parecía que debían xurdir de coñecementos avanzados de aritmética e xeometría. Esas proporcións atópanse en pezas de cerámica rescatadas en tumbas e outras escavacións procedentes da Idade de Bronce, por exemplo, que preceden en mil anos ao florecemento da aritmética e a xeometría clásicas gregas.

1.4.1. OS PORQUÉS DAS FORMAS TRADICIONAIS

Cada vasilla ten unha forma determinada acorde ao uso para o que estea destinada.

Como explica Luciano García Alén5, o máis natural e elemental vaso é a man en actitude de concavidade, por iso a cunca é unha das formas máis básicas desde os comezos da olería: ante un bolo de arxila, premendo cun dedo e creando un oco no bolo, definimos unha forma inicial que nos permite usar a dimensión espacial dun oco. As primeiras potas de arxila de moitas culturas son semellantes a isto.

As olas teñen unha configuración esferoidal, son “barrigonas”, e troncocónicas da metade para abaixo, estreitándose na base ou cu da ola, o que, segundo García Alén, dálles unha característica elegancia.1

En xeral as bocas das pezas adoitan ser de tamaño suficiente para permitir o lavado interior, sen que sexa tan ampla que comprometa a estabilidade da peza.

En Galicia tradicionalmente non existían cacharros de boca moi estreita, ata que chegou certa influencia da cerámica árabe.2

Bordes, asas e decoracións son tamén característicos de cada tipo de cacharro e de cada zona oleira, se ben a ornamentación estivo sempre moi condicionada polo valor económico que se lle puidera sacar á peza e, polo tanto, ao tipo de cliente ao que iba dirixida.

Non se poden entender totalmente as razóns das pezas e das súas formas, sen coñecer os costumes das xentes que as utilizaban. Por exemplo, nas cuncas, a forma semiesférica cunha base moi pequena responde a que se utilizaban sostidas na man e non apoiadas na mesa, posto que era habitual comer ao redor da lareira, sen mesa. Do mesmo xeito, Josefa Lombao, a actual oleira de Bonxe, fai fincapé nunha peza como a cacheleira, que parece case que un luxo se só se utilizara para escoar os cachelos. Porén a cacheleira cos cachelos colocábase sobre unhas pallas no medio dos comensais, que collían as patacas para comelas xunto co que tiñan na súa cunca, que sostiñan na man. Ademais a cacheleira colocada enriba da pota coa auga da cocción, permitía que o vapor as mantivera quentes.

Josefa Lombao tamén nos lembra que, no manexo de líquidos, as pezas máis pechadas son moito mellores porque non os derraman con facilidade. É o caso da ola, panzuda e de boca moito máis pechada, o que permitía que no transporte da auga desde a fonte, sobre a cabeza ou collida co brazo, non vertera o líquido que levaba.

Comenta que ten visto fotos antigas das mulleres indo por auga á fonte e víanse moitas máis olas que sellas, por exemplo. A sella tíñase normalmente no vertedoiro coa auga limpa.

Por outra banda, as formas redondeadas son máis resistentes, non rompen tan facilmente como as máis abertas ou outras formas non redondeadas.

Ademais a forma troncocónica e barriguda con pouca base fai que o líquido que contén descanse en toda a parede, en vez de ser unha columna lineal que repouse todo o seu peso na base do cacharro, isto tamén contribúe á súa resistencia.

Tamén resultan máis resistentes á hora de cocelas nun forno tradicional, no que os cacharros se van colocando uns enriba dos outros nunha cantidade nada desprezable. As pezas redondeadas permiten que o calor pase entre elas, e isto fai que sexan moito mellores para enfornar. Os pratos ou as cazolas, por exemplo, cortan moito máis a circulación do lume e isto hai que telo en conta á hora de distribuír as pezas no forno. Os cacharros grandes e redondeados adoitaban poñerse debaixo, coa boca cara abaixo, e íanse enchendo ocos entre eles con outras pezas máis pequenas, evitando que quedara moi pechado, para que “respire”.

Segundo o que comenta Josefa Lombao hai que ter en conta, tamén, que as pezas que se puñan no chan e tiñan moita base ían collendo humidade e crecementos de fungos e bacterias con máis facilidade. Como moitas pezas grandes se colocaban no chan, era importante que tiveran a base estreita, para que o contido estivera na menor medida posible en contacto co chan a través da base do cacharro.

No museo existente na Olería de Bonxe obsérvase a adaptación das pezas á forma de uso: as pezas con tres pés, que se utilizaban na lareira sobre o lume directo, evolucionaron necesariamente a formas similares pero sen pés, coa base recta, cando nas casas se instalaron as cociñas de leña. Incluso se ve o aproveitamento das pezas en bo estado ás que se lle cortaron os pés para seguir utilizándoas na nova cociña.

1.4.2. AS FORMAS DE BONXE. ALGÚNS EXEMPLOS

Descoñécese como se iniciou a olería na zona de Bonxe e cales serían as primeiras formas coas que se traballou, pero está claro que estas formas sufriron unha evolución ao longo do tempo e foron introducíndose novas incorporacións.

Os recipientes que se consideran tradicionais ou formas iniciais son os que teñen morfoloxía documentada antes de iniciarse o comercio con Oriente e América e que responden a necesidades básicas do xeito de vida e da economía da zona.3

- A OLA

 A ola está considerada a peza máis representativa da olería de Bonxe. Ten precedentes na época castrexa e continúa durante os períodos romano e medieval ata chegar aos nosos días. Presenta un elemento que a diferencia do conxunto de Bonxe: un reforzo na base do bordo. Este elemento funcional aparece por primeira vez en recipientes de características similares dos séculos XIII-XIV. A ola fabricábase en distintos tamaños, unha de 8 litros e outra de 16 litros; esta última era unha medida de viño e era a máis habitual. A súa primeira función era a de gardar viño e ir coller auga, pero co paso do tempo tamén se usou para gardar leite e mesmo para mazala, como se fora unha nateira, o que xustifica a presenza dese reforzo no bordo.3

Como comenta Josefa Lombao, o reforzo tamén era útil no manexo, xa que non tiña asas.

Tamén nos lembra que a ola servía para medir líquidos, por iso se facía dunha capacidade determinada, non só para transportalos ou conservalos.

- A SELLA

 Formas moi diferentes cun uso similar de transporte e conservación da auga, como a sella, débense a que xorden por imitación das sellas de madeira e de aros de latón.

No noso medio xeográfico e cultural a madeira predominou sobre a arxila como material para a construción de útiles empregados na área campesiña e para o seu uso nas casas, sobre todo nos núcleos de maior densidade de poboación. Por iso, nos casos en que se substituíu a madeira pola arxila, os oleiros copiaban as formas.5

Lucíano García Alén comenta que quizais se tendía a seguir as modas burguesas, pero o caso era que na aldea había máis apego aos envases de barro e que ademais eran máis económicas e dicíase que a auga no barro conservábase mellor, sen gusto a madeira. E parece que se aseguraba que o de copiar as formas das sellas de madeira era por máis fachenda.1

- A CAZOLA DO LEITE

Trátase dun recipiente moito menos esvelto que o anterior destinado a facer o leite callado, para a elaboración de queixo.

A súa forma non é allea á tradición oleira de Galicia. Recipientes similares aparecen na cidade de Lugo e a súa contorna nos séculos III e IV.

Era unha peza moi solicitada porque dicían que “o leite facía máis cabeza (tona)”3, polo que novamente parece que a forma da peza é o resultado dunha necesidade utilitarista, que ao quedar ben resolta permite unha boa venda para o oleiro.


 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario