Asumindo a definición da wikipedia, as artes e tradicións populares son as manifestacións materiais, artísticas e espirituais, transmitidas e creadas polo pobo.
O que nos parece interesante destacar é que estas tradicións interactuaban na dinámica social e desenvolvíanse en función das necesidades materiais e sociolóxicas das comunidades. Existían porque eran parte integrante e necesaria da vida das persoas e foron enriquecéndose cos coñecementos perfeccionados ao longo de xeracións. Toda esa riqueza está a piques de perderse coa desvalorización actual, o abandono do rural e certa cegueira soberbia dunha sociedade que asume como desenvolvemento o que máis ben se está a amosar como insostibilidade e destrozo.
Ao longo da Historia existen múltiples exemplos, en todo o mundo, de como as mulleres ficaron sendo as preservadoras dos saberes que a modernidade e o patriarcado despreza. Máis aínda, sabemos que o traballo, as capacidades, e ata o corpo das mulleres ven sendo controlado polos poderes de Estados, Iglesias e patriarcados ao uso. Mulleres libres, con coñecementos e saberes que escapaban á autoridade patriarcal foron queimadas por “bruxas”. En Calibán y la bruja1, destácase a necesaria subordinación das mulleres para o desenvolvemento do capitalismo.
Na información recopilada sobre a posición das mulleres na olería tradicional de Buño (que non difire do descrito noutras zonas oleiras de toda Galiza) descríbese unha división de tarefas en función do sexo: as mulleres tiñan adscritas as tarefas que precisan de paciencia e precisión mentres que aos homes se lles asignaban aquelas que teñen que ver coa forza e a toma de decisións. As tarefas das mulleres eran consideradas como auxiliares ás dos homes2.
A realidade non respondía totalmente a este modelo e as mulleres realizaban moitas tarefas duras e que requirían coñecementos precisos, como varias das que se lles asignaban nas coccións. Tiñan vetado o uso dos tornos para a creación das pezas, no que levaban o mérito os oleiros, pero na práctica realizaban algunhas pezas. Como ocorre en moitos outros ámbitos, a característica principal era a falta de valoración das tarefas das mulleres fronte ás dos homes.
Un estudio sobre desigualdade de xénero no sistema da arte en España, da historiadora da arte Marta Pérez Ibáñez, reflicte que as mulleres ocupan só o 27% dos catálogos das galerías e o prezo das súas obras é menor.
Esta situación ten motivado a creación de asociacións de mulleres como Blanco, Negro y Magenta, mulleres artistas que traballan no campo das artes visuais sobre o concepto de xénero a través de exposicións, tertulias e unha publicación propia3.
Na web de Cultura y Género recóllense numerosas asociacións e colectivos de mulleres na cultura, algunhas de ámbito internacional e tan coñecidas como EmPoderArte, asociación internacional de mulleres artistas.
Por outra banda, é necesario desmentir o estereotipo que se adoita ter desde os ámbitos urbanos dunha muller rural pasiva e desinteresada cando a realidade é que son axentes sociais activos na procura de melloras para a contorna que as rodea. Entenden a importancia do concepto de comunidade e por iso son maioría en case todas as asociacións que se crean no seu entorno ou que elas mesmas crean.
Na Galiza hai diferentes exemplos de traballos que tradicionalmente estiveron a cabalo entre a industria e a artesanía, como as redeiras, un traballo manual imprescindible para a industria da pesca y dificilmente sustituible por máquinas, realizado case na súa totalidade por mulleres en condicións difíciles, que poñían en risco a súa saúde. En 2004 constituíron a Federación Galega de Redeiras Artesás para reclamar visibilidade, recoñecemento e mellores condicións laborais.
O Consello da Cultura Galega considerou necesario por en valor o legado das tocadoras a través do proxecto Axudádeme a cantar, un conxunto de seis vídeos que buscan visibilizar o canto acompañado con percusión de man mantido polas mulleres que pasaban os coñecementos de xeración en xeración e que son as grandes esquecidas da cultura tradicional oral da Galiza4.
Pero ademais, os espazos de traballo nos que as mulleres se xuntaban eran espazos de liberdade, tal como explicou a historiadora Encarna Otero nunha homenaxe ás lavandeiras celebrado en Compostela en marzo de 2017: “Sobre todo porque alí non había homes. Elas cantaban, rexoubaban, contaban contos, facían unha especie de terapia colectiva na que criticaban o mundo para o que elas lavaban: a igrexa, os señores..."5
Sara, coñecedora dos procesos da la e o liño desde sempre, comenta no documental das Espigadoras6 Oficios para sempre. Traendo ao presente, que o que máis lle gustaba era o “tascadeiro” do liño: “viñan moitas mulleres, e logo aproveitaban vir os mozos para tirarlle piropos ás que lle gustaban e contábanse contos, botábanse retrousos, cantábase e bailábase”. Eran espazos sociais e de lecer que se constituían ao redor de tarefas artesás compartidas polas mulleres.
Nun estudo sobre mulleres artesáns que se sitúan na periferia da actividade estable económica traballando nos mercados de venta directa ou tradicionais7, a autora sinala que “o mercado tradicional propiamente dito era un espazo puramente masculino, no tocante ós oficios artesanais. O papel das mulleres artesás era secundario ou reducido a oficios concretos relacionados principalmente coa venda de comida (excedentes domésticos). O papel artesá da muller no espazo de venda público non existía practicamente xa que, a venda da mercadoría das artesanías feminizadas (tecedeiras, palilleiras, etc), era unha venda privada ou directa ós clientes (ás casas, por encarga). O espazo de venda na feira, dende o punto de vista artesá e de oficios, era puramente masculino (zoqueiros, zapateiros, torneiros, telleiros, oleiros, etc)”.
Por esa razón indica que as mulleres valoran a conquista destes espazos como “unha forma de empoderamento da muller”.
No documental xa nomeado, Oficios para sempre. Traendo ao presente, Josefa Lombao, oleira de Bonxe, relata que “a muller, antes como agora, facía de todo”; a súa aboa, muller de carácter, ía a vender ás feiras as pezas que facía o seu marido, oleiro.
O estudo indicado anteriormente, aínda que feito no 2008, parécenos que na súa maioría segue a estar vixente. Sinala o “problema para as xeracións de mulleres que son recoñecidas e identificadas coma artesás, pero que aprenderon e exerceron a súa profesión no obradoiro informal e que, aínda querendo optar pola profesionalización oficial se topan de fronte cunha lexislación que non lles recoñece a actividade, tendo que acceder ás aulas a aprender de novo para ser recoñecidas administrativamente como artesás. Para superar esta situación estas mulleres, evitan o curso oficial e seguen desenvolvendo a súa actividade informalmente nun entorno xa conquistado onde non se cuestiona a súa actividade. A superación das barreiras de xénero son tan importantes coma a superación das barreiras administrativas. O desenvolvemento persoal das mulleres coma artesás pasa polo recoñecemento da súa actividade plenamente, sen limitacións nin condicionamentos, eliminando as barreiras temporais e puntuais da súa actividade trasladando as súas necesidades e opcións persoais a planos estables de actividade económica e laboral”.
“A necesidade de cotizar á Seguridade Social unida a inestabilidade do mundo laboral, provocan a necesidade de buscar un emprego remunerado para afronta-los gastos da unidade doméstica. Isto unido os dados sobre as cargas familiares, provocan unha situación de inestabilidade laboral i económica nas mulleres artesás”.
“O feito de ve-la artesanía coma un modo de vida, asociada a valores fortemente identitarios da cultura tradicional galega, non quita que non se valore o lado pragmático e utilitarista da mesma”.
As artesás entrevistadas pola autora sinalan que “tiñan que facer un réxime especial para os artesáns. Máis flexible. Tal e como está a artesanía hoxe en día non podes vivir desto”.
Por outra banda “no caso das artesás, existe una busca da sociabilidade con outras mulleres artesás, pero non se limita a un solo espazo senón que se estende máis aló da xornada festiva. O que vai reforza-la súa identidade coma artesás, pero tamén coma mulleres”.
Guadalupe Jiménez Esquinas, que realizou unha tese universitaria titulada Del paisaje al cuerpo: una crítica feminista de la patrimonialización del encaje en la Costa da Morte, destaca que “as mulleres xogaron un papel vital na conservación, mantemento e coidado da cultura, as tradicións, o popular, a vida social, a economía cotidiá, etc. Estes traballos foron considerados como parte das súas obrigas, son donacións invisibles. Porén, teñen repercutido no ben doutras persoas ou da sociedade en xeral. Estes traballos de coidado estanse a incrementar a medida que avanza a despoboación, terciarízase a economía, precarízanse os traballos e á vez increméntanse os patrimonios: cada vez hai máis cousas que se consideran dignas de preservarse e de invertir nelas. Isto produce unha sobrecarga das mulleres e, á larga, prantexa unha insostibilidade do modelo. Nesta tese o que prantexo é a necesidade de contabilizar todas estas inversións e reclamar algún tipo de retorno”8.
Bibliografía:
1.- Federici, Silvia. Calibán y la bruja. Mujeres, cuerpo y acumulación originaria. Traficantes de sueños. Madrid, 2010.
2.- Artigo: Mulleres na olería de Buño. Memoria das tarefas asignadas e conquistadas (1940-2013). Da web Cultura Galega (Mulleres na olería de Buño | Álbum de mulleres | culturagalega.org)
3.- Torrente, Maite. Las mujeres en el arte: una historia de silencio, olvido y brecha de género aún por superar. Artigo publicado en “Público” (dixital). Madrid (06/02/2022).
4.- Artigo: 'Axudádeme a cantar': historias dunha literatura oral sostida por mulleres que ficaron invisibilizadas. Do xornal dixital Praza.gal (02/02/2023).
5.- Pérez Pena, Marcos. Artigo: Homenaxe ás lavandeiras: "Os espazos de traballo das mulleres eran espazos de liberdade". Do xornal dixital Praza.gal (16/03/2017).
6.- Caneiro Yáñez, Estefanía; Castro Fernández, María; García Méndez, Paula; Guardia Gamarra, Diego Alejandro; e Tejeda Alonso, Juan Manuel. O documental Oficios para sempre. Traendo ao presente recolle a testemuña de varios artesás tradicionais de oficios en perigo de desaparición en Galicia. Este traballo nace da colaboración entre a asociación As Espigadoras e alumnado da USC do Master en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, ao abeiro da “Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural”, que vincula a profesionais da educación/investigación e entidades que están a traballar no medio rural con perspectiva de sostenibilidade, co obxectivo de que o estudantado colabore cos colectivos ao tempo que aborde contidos educativos.
7.- Sánchez Pérez, Laura. Estudo final do Proxecto de investigación aplicada á situación empresarial das mulleres no ámbito da artesanía galega. Venta ambulante, traballo soterrado i economías persoais. Universidade da Coruña (2008).
Lucía Medina Navarro
As Espigadoras
No hay comentarios:
Publicar un comentario