sábado, 10 de mayo de 2025

Microorganismos eficientes

Nestes días desde As Espigadoras colaboramos cun grupo amigo de apoio mutuo, “As Rogas”, na elaboración e reparto de microorganismos eficientes.

Os microorganismos eficientes, eficaces ou efectivos (EM, das súas siglas en inglés) son unha mestura de distintos tipos de microorganismos beneficiosos, como bacterias lácticas, levaduras e bacterias fotosintéticas; todos eles organismos naturais que se atopan no medio ambiente e traballan xuntos de xeito sinérxico.

As formas de crecemento que adoptan estes microorganismos nunca deixan de sorprendernos.

Foron desenvolvidos na década de 1980 polo científico xaponés Dr. Teruo Higa. Dende entón o EM estableceuse en todo o mundo como unha solución respectuosa co medio ambiente para múltiples aplicacións.

Funcionan axudando a descompoñer a materia orgánica e desprazando a outros microorganismos nocivos.

Isto permite utilizalos na terra para mellorar a súa actividade biolóxica e polo tanto a dispoñibilidade de nutrientes para as plantas e para competir con microorganismos patóxenos. Ou no tratamento de augas residuais, o saneamento de augas contaminadas ou a restauración de ecosistemas danados; así como outras aplicacións igualmente interesantes.

A súa elaboración é sinxela e moito máis barata que a aplicación destes mesmos microorganismos adquiridos no mercado.

As Espigadoras e toda unha comunidade de persoas que xa os coñecen seguimos a facer probas co EM, ata o de agora con resultados satisfactorios, e agradecemos ao noso maestro, Andrés Reboreda, as súas ensinanzas e a súa disponibilidade.



martes, 17 de diciembre de 2024

Graciñas por compartir un ano máis coas Espigadoras!

 


Este ano 2024 foi un ano moi movido para As Espigadoras.

Tivemos unha programación intensa, onde aprendemos a podar, a enxertar, cesteamos, fiamos, tinguimos, calcetamos, restauramos mobles, traballamos na rexeneración de terras e augas ...





Invitáronos a contar o noso proxecto no festival Burla Verde, onde compartimos con comunidades de montes e outras asociacións vinculadas ao noso rural.

Celebramos o noso aniversario con Lines e Lara (de Lila Teatro) e compartimos comidas ricas, abrazos e viño especiado.



Seguimos colaborando nos proxectos de aprendizaxe e servizo da universidade e a asociación
Arredor do Rural. Hai pouco recibimos un grupo de estudantes que entrevistaron ao noso veciño, José de Fernandez, sobre a experiencia da súa vida na aldea (grazas José pola boa disposición sempre).

Fixemos entrevistas para xornais e medios audiovisuais.

Iniciamos unha colaboración coa asociación de comuneiros de Coeses, e empezaremos a ofrecer obradoiros no seu local de Portanova, que está adaptado para persoas con discapacidade, eso permítenos recibirvos a algunhas de vós que nos estabades preguntando fai tempo.

Tivemos catro novas incorporacións no grupo de xestión: María, Carmen, Luisa, e Luije. E con eles tamén novas propostas de obradoiros que proximamente difundiremos. Adoptamos novos xeitos de xestión que vos iremos contando.

Dámosvos as grazas por a vosa presencia, fidelidade e aprendizaxe compartido. 

En breve compartiremos a programación para o próximo trimestre, mentres tanto desfrutade das festas, do frio, da comida compartida, dos abrazos tenros e as risas saltarinas e demais pequenas cousas que enchen o noso día a día de felicidade e agarimo.

As Espigadoras

domingo, 10 de noviembre de 2024

Xornada festiva das Espigadoras


 As Espigadoras celebramos 4 anos de traballo por un rural vivo.

Queremos celebrar todos os momentos de encontro, aprendizaxe e diversión.

Vide a pasalo ben, unha vez máis, con nós!

Vémonos o sábado 16 no local social de Recelle.

Libro Arredor do Rural

 


A Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural naceu coa vontade de poñer en contacto ao estudantado universitario con colectivos que traballan pola sustentabilidade no rural.

Nas Espigadoras levamos varios anos colaborando nestes proxectos que teñen un retorno educativo e práctico para ambas partes.

Compartimos neste enlace o libro de Arredor do Rural que mostra algunhas destas experiencias.

Esperamos que vos resulte interesante.